A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
A Xunta e o Concello de Pantón avalían cuestións de interese para a localidade en materia de augas e xestión de residuos
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, para abordar diversas cuestións relacionadas coa xestión das augas e dos residuos municipais neste concello lucense.
Durante unha reunión que mantiveron hoxe en Santiago de Compostela, a conselleira e o rexedor coincidiron na necesidade de seguir avanzando no desenvolvemento de iniciativas que permitan ofrecer un servizo de saneamento de calidade á veciñanza.
Nesa liña, a conselleira lembrou que o Goberno galego ten o firme compromiso de apoiar técnica e economicamente aos concellos, tal e como vén facendo desde hai anos, para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e de saneamento dun xeito máis eficiente.
A maiores, no encontro tamén abordaron cuestións relacionadas coa xestión dos residuos municipais. Nese senso, a conselleira lembrou que a Xunta convoca cada ano axudas nesta materia e que inclúen, entre outras, liñas de apoios para avanzar na xestión dos biorresiduos, modernizar e mellorar os puntos limpos fixos e móbiles e avanzar no camiño da dixitalización dos servizos municipais de recollida do lixo.