A Xunta participa na entrega de premios da campaña ‘Merca no teu comercio’ celebrada na Coruña

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, asistiu ao sorteo especial de 1.000 euros correspondente á primeira edición desta iniciativa de colaboración coa Federación Galega de Comercio

Esta mesma semana actívase a segunda quenda da campaña, deica o 20 de novembro, na que se repartirán un total de 11.000 euros en bonos de 200 € para canxear nos establecementos adheridos, ademais dun premio final doutros 1.000 euros

A Coruña, 29 de outubro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participaron hoxe na entrega de premios da primeira edición da campaña Merca no teu comercio na provincia coruñesa, posta en marcha pola Xunta e a Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade.

Tras o sorteo realizado de 50 bonos QR de 200 euros cada un entre todos os tíckets correspondentes a compras efectuadas entre o 1 e o 20 de outubro nos comercios adheridos da provincia da Coruña, no acto de hoxe -no que tamén estivo presente o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas- sorteouse de xeito presencial un premio especial de 1.000 euros entre todos os premiados. Este galardón deberá ser gastado pola persoa agraciada nunha única xornada de compras dentro da semana seguinte ao sorteo, tal e como establecen as condicións de participación.

Esta mesma semana actívase na provincia a segunda edición desta campaña, que se prolongará desde este venres 1 de novembro ata o día 20, cun sorteo previsto para o 22 de novembro entre todos os tíckets participantes doutros 50 bonos de 200 €, e cuxa gala final se celebrará o 29 do vindeiro mes ás 19,00 h. en Santiago de Compostela.

A iniciativa Merca no teu comercio, que tamén se está desenvolvendo no resto de provincias galegas, enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2024