Belén do Campo supervisa o comezo da campaña de vacinación da gripe e covid en EXPOCoruña para a área sanitaria da Coruña e Cee

A delegada da Xunta informou que o departamento sanitario galego está a citar, en primeiro lugar, á poboación con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos, o que supón ao redor de 60.000 persoas a convocar na Área Sanitaria da Coruña e Cee, embarazadas e menores de 70 en condicións de risco

A Coruña, 30 de outubro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, acompañados polo director de enfermería, Enrique González e pola subdirectora de enfermería, Silvia Vázquez, supervisaron o inicio da campaña de vacinación conxunta fronte á gripe e a COVID-19 ao colectivo de 70 a 79 anos, con motivo do comezo desta, nas instalacións de EXPOCORUÑA. A delegada aclarou que nunha segunda fase vacinarase o colectivo de 60 a 69 anos.  As persoas citaranse a través de mensaxes de móbil SMS.

A Consellería de Sanidade pon en marcha, a partir de hoxe dia 30, a través da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, a vacinación fronte á gripe e a covid-19 en grandes recintos. O departamento sanitario galego está a citar, en primeiro lugar, á poboación con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos, o que supón ao redor de 60.000 persoas a convocar na Área Sanitaria da Coruña e Cee. Agárdase acadar, polo menos, a mesma cobertura do ano pasado, que foi do 75% no caso da gripe e algo menor no que respecta á covid. Ademais, tamén están incluídas as embarazadas e os menores de 70 anos en condicións de risco.

Horarios de vacinación nos grandes recintos

Respecto da vacinación fronte á gripe e a covid nos grandes recintos, que comeza hoxe día 30, no seguinte cadro pódense ver os lugares e horarios de vacinación na Área Sanitaria da Coruña e Cee.

LUGAR

PUNTO DE VACINACIÓN

APERTURA

 

DÍAS

HORARIO

A Coruña

 EXPOCORUÑA - IFECO

De luns a sábado

9-14 h e 15-20 h

 

Cee

Hospital Virxe Xunqueira de Cee

De luns a venres

15:30-21 h

Sábados

9-14h e 15-20h

A vacinación das persoas de 80 e máis anos continúa nos centros de saúde de cabeceira e, nos próximos días, comezarase a repescar ás que aínda non se vacinaron. A piques de rematar nesta semana a primeira convocatoria deste grupo de poboación.

Obxectivos da campaña

Belén do Campo subliñou que, un ano máis, “o Goberno galego márcase como obxectivo incrementar as taxas de vacinación en toda a poboación, especialmente, no caso da inmunización fronte á gripe do persoal sanitario, dos nenos, das mulleres embarazadas e das persoas con condicións de risco”.

Neste senso, destacou que “entre os obxectivos específicos de cobertura están acadar o 75% entre a poboación con 65 ou máis anos e o persoal sanitario; e superar a inmunización de máis do 60% no caso dos nenos e nenas con idades entre os 6 e os 59 meses, as mulleres embarazadas e as persoas con condicións de risco”.

A campaña de vacinación conxunta fronte á gripe e á covid-19 estenderase até o vindeiro 31 de decembro.

No caso da poboación infantil de 6 meses-59 meses, tamén continúa a vacinación nos centros de saúde, sendo o nivel de cobertura acadado ata o de agora bastante alto.

Entre as novidades que incorpora a campaña de vacinación 2024, destaca a inclusión da inmunización fronte á gripe do persoal que traballa nos centros infantís con nenas e nenos menores de cinco anos.

Galicia conta co calendario de vacinación máis completo do mundo, e mantense como a comunidade líder en España, tanto en taxas de cobertura, como na introdución de novas inmunizacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2024