O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica as bases que regulan a concesión destas subvencións
A Xunta abre mañá o prazo para que os concellos soliciten as axudas dirixidas ao mantemento ou creación de servizos de atención temperá
A convocatoria conta cun orzamento total de 18,4 M€ para o período 2026-2028
Galicia conta na actualidade con máis de 50 recursos deste tipo, que permiten dar unha resposta rápida a problemas de desenvolvemento en menores de 0 a 6 anos
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia abre a partir de mañá, e durante un mes, o prazo para que os concellos se acollan ás axudas para o mantemento e creación de servizos de atención temperá. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria desta orde de subvencións, que conta cun orzamento total de 18,4 millóns de euros para o período 2026-2028, un 14% que na anterior.
A través destas achegas, o Executivo autonómico consolida as unidades de atención temperá xa en funcionamento e poderá financiar a creación de ata un máximo de oito novas. Deste xeito, continúase co impulso que nos últimos anos se lle esta a dar a este servizo público e gratuíto para as familias, que é fundamental para dar resposta o antes posible a necesidades que presentan nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade con trastornos de desenvolvemento ou en risco de padecelos.
A Rede galega de atención temperá supera na actualidade as 50 unidades, dá cobertura a máis de 200 concellos e atende ás familias de arredor de 6.000 menores. No 2009 só había dúas unidades e a súa cobertura limitábase a 15 concellos.
Estas unidades contan cun equipo interdisciplinar formado, como mínimo, por tres profesionais diferentes de entre as seguintes titulacións universitarias: pedagoxía, psicoloxía, psicopedagoxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, educación infantil, enfermaría, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina. Ademais, o persoal destes recursos ten que estar especializado en desenvolvemento infantil e atención temperá ou en apoio familiar.
Os servizos de atención temperá encárganse de facer unha diagnose e valoración dos menores, e traballan con eles no seu desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación e da autonomía, entre outros aspectos. Tamén prestan apoio, información e formación á familia. Así mesmo, a prestación do servizo realízase en horario de mañá todos os días hábiles da semana e, ademais, un mínimo de dous días á semana en horario de tarde.
Os concellos e mancomunidades interesados en beneficiarse desta convocatoria de achegas deberán presentar as súas solicitudes por medios electrónicos, a través do formulario que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Esta orde de axudas está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.