DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 10 de agosto de 2026 Páx. 43765

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 22 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2026 a 2028, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS700A).

A transcendencia dos cambios sociais e a experiencia acumulada ao longo dos últimos anos, que se recollen en documentos de referencia como o Libro branco da atención temperá e o informe da Axencia Europea para o Desenvolvemento da Educación Especial, sinalaron a conveniencia de asumir un novo concepto da citada atención baseado nos dereitos dos/das nenos/as, na igualdade de oportunidades e na participación social, centrado nas necesidades da familia e na prestación dos servizos no seu contorno e, por outra banda, implica necesariamente que a saúde, a educación e os servizos sociais se involucren e interrelacionen para ofrecerlles unha acción integral.

Con base no exposto resultaba necesaria unha nova normativa que permitira crear un espazo común de coordinación e corresponsabilidade entre os sistemas de saúde, educación e servizos sociais na procura dunha acción integral destinada a satisfacer os dereitos e necesidades dos nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos e das súas familias, así como a súa prevención. E tamén deste xeito dar resposta á necesidade de regular os servizos de atención temperá como unha rede integral de responsabilidade pública e de carácter universal, rexida polos principios reitores de igualdade, coordinación, atención personalizada, integración social, interese superior do/da menor, prevención, autonomía persoal e participación, descentralización, proximidade, interdisciplinariedade e alta cualificación profesional, diálogo e participación familiar e calidade.

O Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá, é o marco de referencia neste paradigma que implica a obriga de facilitarlles aos nenos e ás nenas de 0 a 6 anos e ás súas familias esta actuación transversal tan transcendente para o seu progreso dun xeito continuado, flexible e contextualizado, a través dun marco normativo que posibilite a intervención múltiple dirixida a todos eles e á comunidade, e tendo presente o deber de cooperar e a responsabilidade de colaborar, para que cada sistema de protección achegue os medios e recursos dos cales dispón e evitar a duplicidade.

No Estatuto de autonomía de Galicia, artigo 4, está disposto que aos poderes públicos de Galicia lles corresponde promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social, e no artigo 27 recóllese como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega a asistencia social.

No ámbito desas competencias foi ditada a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. No seu artigo 19 está definida a intervención social, biopsicosocial, sociolóxica ou socioeducativa que favoreza a adquisición ou recuperación de funcións ou habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social, como intervención ou servizo de carácter técnico-profesional incluído dentro do Catálogo de servizos sociais. E no artigo 12 están regulados os servizos sociais comunitarios específicos orientados ao desenvolvemento de programas e a xestión de centros enfocados a colectivos con problemáticas identificadas e singulares, procurando a súa normalización e reincorporación social ou como espazo de tránsito a un servizo especializado.

A súa regulación foi desenvolvida no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento. No seu artigo 26, letra d), establécense como funcións propias dos servizos sociais comunitarios específicos a atención das persoas con discapacidade a través dos centros ocupacionais, así como o apoio psicosocial e familiar vinculado a atención temperá e, así mesmo, no seu anexo IV, considérase a atención psicosocial e familiar ligada a esta atención como prioritaria na formulación de programas dos servizos sociais comunitarios municipais, segundo o disposto no artigo 18 da Lei 13/2008, do 3 de decembro.

Cómpre tamén citar o Decreto 142/2023, do 21 de setembro, polo que se regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes. Dentro do Catálogo de servizos do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, no artigo 3 do dito Decreto 142/2023, do 21 de setembro, recóllense os servizos de promoción da autonomía persoal, entre os que na orde se inclúe o de atención temperá. Así mesmo, os ditos servizos recóllense no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais, para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

Recoñécese o ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, como o idóneo para o desenvolvemento destes servizos e tendo en conta ademais que está en liña cun dos principios reitores da Rede galega de atención temperá, establecidos no artigo 3 do Decreto 183/2013, do 5 de decembro, que é o de descentralización e proximidade, co obxectivo dun achegamento eficiente destes servizos ás persoas destinatarias implementando, sempre que sexa posible, actuacións de base comunitaria para a inclusión social.

Finalmente, a Resolución do 13 de febreiro de 2025, da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais, BOE núm. 48, do 25 de febreiro, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, do 31 de xaneiro de 2025, establece o «Consenso Estatal para a Mellora da Atención Temperá. Despregamento da Folla de Ruta: obxectivos, medidas e estándares xerais de calidade».

Neste acordo configúrase a atención temperá como un dereito subxectivo, universal, público e gratuíto de todas as nenas e os nenos que se configura dentro dun marco común de universalidade, responsabilidade pública, equidade, gratuidade e calidade.

Neste marco de actuación, esta convocatoria dá continuidade ás oito anteriores co obxecto de consolidar os servizos de atención temperá subvencionados a través daquelas, así como outros xa existentes e, por outra banda, procurar a implantación de novos servizos.

As axudas reguladas nesta convocatoria serán cofinanciadas pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 7 «Garantía infantil»; obxectivo específico ESO4.11 «Mellorar a igualdade e a oportunidade do acceso a uns servizos de calidade, sustentables e alcanzables, incluídos os servizos que propicien o acceso á vivenda e uns coidados centrados nas persoas, especialmente a sanidade; modernizar os sistemas de protección social, especialmente o fomento do acceso á protección social, cunha atención particular aos nenos e aos colectivos desfavorecidos; mellorar a accesibilidade, tamén para persoas con discapacidade, a efectividade e a resiliencia dos sistemas de asistencia sanitaria e de dependencia» e medida 7.K.01 «Servizo de atención temperá destinado a menores vulnerables con trastornos no seu desenvolvemento».

Nesta convocatoria incorpórase o uso de opcións de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.

A Consellería de Política Social e Igualdade de conformidade co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, ten, a través da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, entre outras, as funcións de planificación, impulso, coordinación, dirección, xestión e supervisión do conxunto das actuacións da Consellería destinadas ao apoio e atención ás persoas con discapacidade, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, sen prexuízo das que lle correspondan a outros órganos de dirección da consellería.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente, axustarase ao disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e política de visados; no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Por iso, e facendo uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e procedemento

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia destinadas á prestación de servizos nos anos 2026, 2027 e 2028 ao abeiro do disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá (código de procedemento BS700A).

2. Serán subvencionables os servizos desta natureza constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 8, que se desenvolvan no período que abrangue desde o 1 de novembro de 2026 e ata o 31 de outubro de 2028, segundo o que nel se indica.

3. A prestación poderá realizarse mediante xestión individual ou compartida e ser directa ou indirecta, mediante a contratación ou formalización dun concerto social con outras entidades para a execución total da actividade subvencionada, segundo o previsto no artigo 6.

4. As subvencións destinaranse á consecución das seguintes finalidades:

a) Programa I, destinado á consolidación dos servizos de atención temperá actualmente subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Orde do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan (código de procedemento BS700A), e da Orde do 24 de setembro de 2025 pola que se efectúa a segunda convocatoria de axudas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS700A).

Serán obxecto deste programa os proxectos destinados ao financiamento de unidades de atención temperá promovidos por concellos, entidades locais ou agrupacións destas, que sexan continuidade daqueles que foron subvencionados ao abeiro das convocatorias precedentes desta consellería e que garantan a continuidade na atención ás persoas destinatarias no seu respectivo ámbito territorial.

b) Programa II, destinado a servizos de atención temperá existentes e actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.

Serán obxecto deste programa os novos proxectos destinados ao financiamento de unidades de atención temperá promovidos por entidades locais ou agrupacións destas, que non foron subvencionados ao abeiro das convocatorias precedentes desta consellería.

5. O procedemento tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

6. Dado que esta convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea, no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, respectarase o previsto no Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013; no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e política de visados; e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Tamén é de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

7. O procedemento de concesión de subvencións regulado nesta orde ten o código BS700A para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio para as persoas interesadas.

Artigo 2. Definicións

De conformidade co Decreto 183/2013, do 5 de decembro, e para os efectos desta orde considérase:

a) Atención temperá: conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

b) Trastornos do desenvolvemento: aquelas situacións en que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, restricións na participación social ou calquera outro factor contextual, se produce un atraso ou desviación significativo no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos para a idade de referencia.

c) Situacións de risco de padecer un trastorno no desenvolvemento: aquelas circunstancias de vulnerabilidade evolutiva que requiren intervención pola descompensación negativa entre factores de risco e protección.

d) Equipo interdisciplinar: o formado por profesionais de distintas disciplinas con formación académica específica en desenvolvemento infantil e atención temperá e/ou apoio familiar ou que acrediten experiencia suficiente nesas materias para a realización das súas funcións.

e) Plan personalizado de intervención: proposta de intervención interdisciplinaria elaborada polo equipo e que, como mínimo, deberá facer referencia a obxectivos e expectativas da intervención; atención, recursos e medios necesarios que se dirixen ao menor, á súa familia e ao seu contorno, ámbito de realización; liñas de actuación que se van desenvolver por cada profesional, coordinacións previstas con outras persoas e/ou profesionais que poidan intervir no plan.

f) Xestión directa do servizo.

O equipo profesional das unidades está conformado por persoal propio das entidades locais beneficiarias das axudas.

No suposto de que se contrate de xeito excepcional un ou varios profesionais, co obxecto de completar o equipo, considérase xestión directa con contratación de servizos externos.

g) Xestión indirecta do servizo.

As entidades locais beneficiarias das axudas contratan ou formalizan un concerto social con outras entidades para a execución total da actividade subvencionada, de acordo co establecido en cada caso, na normativa que resulte de aplicación.

Artigo 3. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase crédito por importe total de dezaoito millóns catrocentos cincuenta e tres mil setecentos dez euros con vinte e tres céntimos (18.453.710,23 €), que se imputará á aplicación 08.04.312E.460.1, coa seguinte desagregación por anualidades:

Anualidade

Aplicación

Código de proxecto

Importe

2026

08.04.312E.460.1

2023 00145

1.537.809,19 €

2027

08.04.312E.460.1

2023 00145

7.689.045,93 €

2028

08.04.312E.460.1

2023 00145

9.226.855,11 €

O crédito distribuirase entre os dous programas segundo o sinalado a continuación:

Anualidade

Importe programa I

Importe programa II

Total

2026

1.305.212,92 €

232.596,26 €

1.537.809,19 €

2027

6.526.064,61 €

1.162.981,32 €

7.689.045,93 €

2028

7.831.277,53 €

1.395.577,59 €

9.226.855,11 €

2. Esta convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % (11.072.226,14 €) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 7 «Garantía infantil»; obxectivo específico ESO4.11 «Mellorar a igualdade e a oportunidade do acceso a uns servizos de calidade, sustentables e alcanzables, incluídos os servizos que propicien o acceso á vivenda e uns coidados centrados nas persoas, especialmente a sanidade; modernizar os sistemas de protección social, especialmente o fomento do acceso á protección social, cunha atención particular aos nenos e aos colectivos desfavorecidos; mellorar a accesibilidade, tamén para persoas con discapacidade, a efectividade e a resiliencia dos sistemas de asistencia sanitaria e de dependencia» e medida 7.K.01 «Servizo de atención temperá destinado a menores vulnerables con trastornos no seu desenvolvemento».

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou nos supostos en que o crédito orzamentario que resulte aprobado na Lei de orzamentos fose superior á contía inicialmente estimada. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Ademais, debido a que ambos os programas están cofinanciados polo FSE+, resulta necesario informe favorable previo por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos) para calquera modificación orzamentaria que afecte esta convocatoria. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Así mesmo, poderase reaxustar o crédito entre ambos os programas no caso de resultar remanente nalgún deles, segundo o previsto no artigo 19.3.

Artigo 4. Contía máxima das subvencións

1. O importe da subvención calcularase segundo a un método de custos simplificados consistente nun módulo de custo unitario por hora, conforme o establecido no artigo 10.

2. En todo caso, a contía máxima de subvención por entidade beneficiaria virá determinada polo seguinte:

a) O número total de horas de traballo acreditadas do equipo que conforma a unidade de atención temperá multiplicadas polo módulo de custo unitario establecido no artigo 10.

b) E, en todo caso, cos seguintes importes máximos en función da poboación de menores de 0-6 anos existente no ámbito territorial de prestación do servizo da respectiva unidade de atención temperá:

1º. Categoría 1. Servizos de xestión individual que conten cunha poboación de ata 1.100 menores de 0-6 anos: ata 12.100,00 € de importe máximo por mes subvencionable.

2º. Categoría 2. Servizos de xestión compartida que conten cunha poboación de ata 1.100 menores de 0-6 anos no seu ámbito territorial: ata 15.287,00 € de importe máximo por mes subvencionable.

3º. Categoría 3. Servizos de xestión compartida ou individual que conten cunha poboación de máis de 1.100 menores de 0-6 anos no seu ámbito territorial: ata 18.344,40 € de importe máximo por mes subvencionable.

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

A percepción destas axudas é incompatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Artigo 6. Entidades beneficiarias e tipo de xestión

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia ou agrupacións delas que se relacionan a continuación:

a) Para a xestión individual: concellos, incluídos os que resulten dunha fusión municipal.

Para a creación de unidades de atención temperá de xestión individual (programa II) exixirase con carácter xeral que estas conten no seu ámbito territorial cun censo mínimo de 300 menores de 0-6 anos, segundo a cifra de poboación na data do 1 de xaneiro de 2025 (fonte Instituto Galego de Estatística). No suposto en que a creación da nova unidade de atención temperá de xestión individual sexa promovida por un concello que formase parte dunha unidade de atención temperá de xestión compartida subvencionada pola anterior Orde do 27 de xuño de 2024, exixirase que este conte no seu ámbito territorial cun censo mínimo de 500 menores de 0-6 anos, segundo a cifra de poboación na data do 1 de xaneiro de 2025 (fonte Instituto Galego de Estatística).

b) Para a xestión compartida:

1º. Agrupacións de concellos e/ou agrupacións de mancomunidades de concellos.

2º. Mancomunidades de concellos.

3º. Consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos. Quedan excluídas as deputacións provinciais.

Para a creación de novas unidades de atención temperá de xestión compartida (programa II) exixirase que estas conten no seu ámbito territorial cun censo mínimo de 200 menores de 0-6 anos, segundo a cifra de poboación na data do 1 de xaneiro de 2025 (fonte Instituto Galego de Estatística).

2. Ningún concello poderá figurar simultaneamente en solicitude de xestión individual e compartida. O incumprimento disto dará lugar á inadmisión da solicitude individual; considerarase como efectiva a de xestión compartida.

3. Non poderá obterse a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. A prestación poderá realizarse mediante xestión individual ou compartida e ser directa ou indirecta (mediante a contratación ou formalización dun concerto social con outras entidades para a execución total da actividade subvencionada), de acordo coas definicións do artigo 2.

No caso de contratar a prestación de servizos estas deberán someterse ao establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, ou, en caso de non atoparse dentro do seu ámbito de aplicación, ao establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e demais normativa de subvencións. Deberá poder acreditarse o cumprimento dos requisitos establecidos nestas disposicións.

Igualmente, as entidades locais beneficiarias da subvención tamén poderán concertar, total ou parcialmente, a prestación de servizos de atención temperá con entidades de iniciativa social debidamente autorizadas axustándose ao establecido nos artigos 33.bis a 33.septies da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e no Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas entidades de servizos sociais, ademais de acreditar a disposición de medios e recursos suficientes para garantir o cumprimento das condicións establecidas nesta convocatoria, deberán figurar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e cumprir os demais requisitos exixidos pola normativa que con carácter xeral ou específico lles sexa de aplicación.

Artigo 7. Requisitos específicos

1. Para ser admitida a solicitude ao abeiro desta orde, sen prexuízo da totalidade da normativa aplicable deberán cumprirse os seguintes requisitos específicos, que se acreditarán na forma establecida nos artigos 12 e 13 desta orde:

a) Requisitos aplicables a todos os solicitantes:

1º. Estaren a/as entidade/s ou a totalidade dos concellos integrantes das mancomunidades ou das agrupacións inscritos no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.

2º. Ter adoptado polo órgano competente acordo de solicitude de subvención respecto do servizo de atención temperá de que se trate e nas condicións en que este se preste, aceptación das condicións e demais requisitos establecidos nesta orde e demais normativa aplicable, así como o compromiso de cofinanciamento para a execución no período que se sinale, que deberá estar incluído no intervalo sinalado no artigo 8.1.b).

No caso de agrupacións, o acordo pode figurar no texto do convenio sinalado na letra c) ordinal 2º ou de xeito independente, sempre que sexa subscrito por todos os asinantes daquel e se garanta durante todo o período subvencionable a permanencia na respectiva agrupación.

3º. Ter cumprida a entidade ou a totalidade de concellos integrantes das mancomunidades ou das agrupacións, no caso de xestión compartida, a obriga establecida no artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, referida á remisión da conta xeral do exercicio orzamentario que corresponda ao Consello de Contas.

4º. Cumprir as condicións establecidas no artigo 8 respecto da prestación do servizo para que a actuación sexa susceptible de subvención.

b) No caso de solicitude para xestión individual: contar co censo mínimo sinalado no artigo 6.1.a).

c) No suposto de solicitude para xestión compartida:

1º. Deberá xestionarse o servizo de forma conxunta pola agrupación ou, se é o caso, de forma mancomunada ou consorciada e implicar aforro de custos respecto do que suporía a prestación individual polos concellos integrantes das agrupacións e/ou mancomunidades. En ningún caso poderá consistir en actuacións independentes daqueles.

2º. No caso de agrupacións de concellos, ter subscrito un convenio de colaboración entre todos os integrantes cuxo obxecto sexa a prestación do servizo nos termos especificados nos artigos 1 e 8 e con vixencia durante todo o período respecto do cal se solicita subvención e ata que transcorra o prazo establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Ademais, deberá reflectir os seguintes datos:

2º.1. Determinación do concello encargado de xustificar a subvención, que será a nome do que, se é o caso, se ingresen os fondos.

2º.2. Nomeamento de representante.

2º.3. Determinación dos compromisos de execución asumidos por cada un dos concellos, así como a porcentaxe de subvención que lles corresponderá a cada un deles.

De ter subscrito un convenio anterior á publicación desta orde con tal obxecto e vixencia, admitirase documento anexo a el en que se reflictan os datos sinalados neste ordinal 2º.1, 2º.2 e 2º.3, debidamente asinado polos correspondentes representantes.

Figurará na páxina web da consellería (http://politica-social.xunta.gal), no punto relativo á información desta orde, un modelo de convenio.

3º. E no suposto de agrupación de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos, deberán determinar os concellos membros daqueles que participan na prestación do servizo.

2. Os citados requisitos deberán terse cumprido en función das seguintes datas de referencia:

a) Na data do 1 de xaneiro de 2025, o recollido no número 1.b) para o caso de xestión individual.

b) Con carácter previo ao inicio do prazo de execución, respecto do cal se solicita a subvención:

1º. Os establecidos no número 1.a), ordinais 1º e 4º, sen prexuízo do reflectido no artigo 8.2.

2º. Os sinalados no número 1.c), ordinais 1º, 2º e 3º, sen prexuízo da necesidade de existencia de convenio na dita data nas condicións especificadas, os datos do número 1.c), no ordinal 2º.1, 2 e 3, poderán ser determinados con data límite a de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

c) Na data límite á finalización do prazo de presentación de solicitudes os especificados no número 1.a), ordinais 2º e 3º.

Artigo 8. Actuacións e período subvencionable

1. Considéranse subvencionables, de acordo co establecido no artigo 1, a prestación de servizos de atención temperá ao abeiro do disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, e sempre que concorran as seguintes circunstancias, con independencia de que a xestión sexa directa ou indirecta:

a) O obxecto estará exclusivamente integrado polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e a súa contorna, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta.

b) O período máximo subvencionable abranguerá desde o 1 de novembro de 2026 e ata o 31 de outubro de 2028; polo tanto, 24 meses.

c) O equipo humano responsable da prestación deberá:

1º. Contar cun mínimo de tres integrantes cunha titulación universitaria de grao ou superior, segundo o disposto no Real decreto 1027/2011, do 15 de xullo, polo que se establece o Marco español de cualificacións para a educación superior, e o Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización dos ensinos universitarios e do procedemento de aseguramento da súa calidade.

2º. Ser interdisciplinar e estará integrado por profesionais diferentes de entre as seguintes titulacións universitarias: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, educación infantil, enfermaría, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina. O persoal deberá de estar especializado en desenvolvemento infantil e atención temperá e/ou en apoio familiar, ou acreditar experiencia suficiente nestas materias para a realización das súas funcións.

Así mesmo, e sempre por necesidades excepcionais debidamente xustificadas, poderase modificar o perfil profesional dalgún dos compoñentes da respectiva unidade de atención temperá, respectando sempre a composición multidisciplinar do servizo, logo de comunicación á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade.

d) De acordo co establecido no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais, para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, os servizos de atención temperá deberán comprender as prestacións de:

1º. Diagnose e valoración dos trastornos de desenvolvemento dos/das nenos/as.

2º. Desenvolvemento psicomotor.

3º. Desenvolvemento cognitivo.

4º. Desenvolvemento da linguaxe e comunicación.

5º. Desenvolvemento da autonomía.

6º. Desenvolvemento da área social e afectiva.

7º. Apoio, información, habilitación e formación da familia.

e) A prestación do servizo deberá realizarse sen interrupcións durante todo o período subvencionado en horario de mañá todos os días hábiles da semana e, ademais, un mínimo de dous días á semana, en horario de tarde, cun mínimo de dúas horas cada tarde, desde as 15.30 horas en diante.

2. No caso de inicio do prazo de execución con anterioridade á presentación da solicitude, para que a actuación se considere subvencionable debe terse prestado desde o inicio do dito prazo de execución e nos termos expostos no número anterior, agás os requisitos establecidos nas letras c) e e), que serán exixibles vencido o prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 9. Gastos específicos de subvencionalidade

1. Consideraranse gastos subvencionables os derivados da execución do servizo de atención temperá nos prazos e períodos de referencia e segundo o seguinte:

a) Custos directos de persoal:

1º. As retribucións pactadas entre a persoa empregadora e a persoa traballadora ou establecidas no convenio colectivo aplicable, conforme o disposto nos seguintes ordinais.

Inclúense neste concepto as percepcións salariais que corresponde ao salario base, os complementos por antigüidade, os complementos por coñecementos especiais, turnicidade, nocturnidade, penosidade ou outros complementos derivados da actividade subvencionada, as pagas extraordinarias, os incentivos á produción vinculados á actividade subvencionada, as horas extraordinarias que sexan necesarias para o desenvolvemento da actividade subvencionada e os complementos de residencia.

2º. As percepcións extrasalariais pactadas coa empresa ou establecidas no convenio colectivo aplicable para os conceptos de complemento de distancia e transporte, aboadas pola empresa aos traballadores, en relación coa actividade subvencionada, para os efectos de minorar ou sufragar o seu desprazamento ata o centro de traballo habitual.

3º. A indemnización por finalización do servizo prestado que se regula no artigo 49.1.c) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, así como a indemnización prevista no artigo 53.1.b) do devandito Estatuto en relación exclusivamente coa causa prevista no seu artigo 52.e), coa condición de que o servizo ou contrato estea vinculado á operación cofinanciada polo FSE+.

4º. As cotizacións sociais e impostos a cargo da persoa traballadora e a Seguridade Social a cargo da empresa, incluídas, se é o caso, as achegas empresariais anuais aos plans de pensións recollidas nas disposicións lexislativas ou regulamentarias aplicables ou no convenio colectivo correspondente.

Conforme o disposto na Orde TES/106/2024 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE+ para o período de programación 2021-2027, será preciso acreditar, mediante un informe ou documento equivalente, que as persoas traballadoras que prestan servizo nesta operación non teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. No caso de ter bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, para o cálculo do importe elixible descontarase do custo unitario por hora establecido no artigo 10 destas bases reguladoras a parte proporcional correspondente ás bonificacións ou reducións que poidan estar asociadas ao pagamento das cotizacións sociais.

5º. Os gastos de persoal que formen parte da prestación de servizos externos, sempre que na factura emitida se especifique claramente o custo do persoal externo participante, atendendo aos criterios establecidos no artigo 5.1.a) da Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro.

Para a xustificación documental dos custos directos de persoal, tanto para o caso da xestión directa como indirecta, estarase ao disposto na letra b) do número 6 do artigo 26.

b) Outros custos directos: axudas de custo e gastos de locomoción do persoal adscrito ao servizo que deriven das actuacións de coordinación con outros ámbitos, como o educativo, o sanitario ou outros ámbitos dos servizos sociais, visitas domiciliarias e outros desprazamentos relacionados coa execución das correspondentes tarefas.

Non existirá a obriga de xustificar o custo real deste tipo de gasto.

c) Custos indirectos: non vinculados directamente coa actividade subvencionada, mais necesarios para a súa execución. Dentro dos custos indirectos inclúense tanto aqueles que son imputables a varias actividades específicas, sexan ou non todas elas subvencionables, como aqueles custos xerais de estrutura dunha entidade que, sen ser imputables a unha actividade subvencionada concreta, son necesarios para que esta se leve a cabo, tales como os gastos en bens consumibles, material funxible, alugueiro de instalacións e gastos de funcionamento como os gastos de luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade.

Non existirá a obriga de xustificar o custo real deste tipo de gasto.

2. As horas subvencionables deberán de ser efectivamente traballadas dentro do prazo establecido no artigo 1.2 e ter sido efectivamente pagadas nas datas límites de xustificación, concretamente:

a) O 15 de novembro de 2027 para o período comprendido ente o 1 de novembro de 2026 e o 31 de outubro de 2027.

b) O 15 de novembro de 2028 para o período comprendido entre o 1 de novembro de 2027 e o 31 de outubro de 2028.

Non se poderán compensar as horas de traballo efectivo entre os distintos períodos.

De acordo co disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para os efectos da consideración como subvencionable considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria. No caso de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase achegar unha relación destas.

3. Non serán subvencionables os gastos derivados de ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non recuperable.

4. En todo caso, deberán respectarse as normas de subvencionalidade do gasto cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, reguladas polo Regulamento (UE) núm. 2021/1057, do 24 de xuño de 2021, do Parlamento Europeo e do Consello, o Regulamento (UE) núm. 2021/1060, do 24 de xuño, do Parlamento Europeo e do Consello, e a Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

5. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Consellería de Política Social e Igualdade por propia iniciativa ou por pedimento de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 10. Cálculo do importe da subvención, custos simplificados e períodos de imputación

1. Sen prexuízo das contías máximas sinaladas no artigo 4, respecto dos dous programas, e tanto para o suposto de xestión directa como indirecta, para o cálculo do importe da subvención e a súa xustificación, empregarase un método de custos simplificados conforme o disposto nos artigos 53.1.b) e d), 53.3.a) i), 55.2.a) e 56.1 do Regulamento (UE) 2021/1060, consistente nun módulo de custo unitario por hora.

En particular, para a determinación do custo unitario tomáronse como referencia os datos salariais establecidos na Resolución do 16 de febreiro de 2026, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se rexistra e publica o III Convenio Colectivo estatal de acción e intervención social 2026-2029 (publicada no Boletín Oficial del Estado núm. 52, do 27 de febreiro de 2026) para o grupo profesional 1, resultando un custo unitario de 22,23 euros por hora acreditada dedicada ao proxecto polos profesionais equiparables ao devandito grupo 1 que conforman os equipos.

Sobre o indicado custo unitario engádese un tipo fixo do 30 % en concepto doutros custos directos e custos indirectos necesarios para o desenvolvemento da prestación.

2. Tendo en conta o disposto no punto anterior, para o cálculo do importe de subvención seguiranse as seguintes regras:

1º. O número total de horas do equipo de traballo acreditadas multiplicarase polo custo unitario establecido no número anterior (22,23 €).

2º. Ao importe calculado segundo o anterior sumaráselle o 30 % conforme a seguinte fórmula:

Importe de subvención=número de horas do equipo de traballo × custo unitario × 1,30

3. Para a determinación do número de horas de traballo de cada profesional terase en conta as horas efectivamente traballadas e acreditadas.

En todo caso, o número máximo de horas subvencionables por profesional a xornada completa para o período de 24 meses será de 3.440 horas. Nos supostos de períodos subvencionables inferiores ao citado, así como nos de dedicación parcial, o número máximo de horas subvencionables calcularase proporcionalmente.

Sempre que se respecten os límites máximos de horas por profesional, as unidades poderán compensar o número de horas concedidas entre profesionais, respectando en todo caso o establecido na normativa laboral aplicable e o convenio colectivo correspondente.

En todo o caso, o número de horas por profesional non poderá exceder o máximo establecido na normativa de aplicación ao persoal ao servizo das administracións públicas ou, se é o caso, do que corresponda proporcionalmente segundo o tipo de xornada.

4. No caso de que algunha das persoas traballadoras que presten servizo nesta operación teñan bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, descontarase do custo unitario por hora establecido no punto 1 deste artigo a parte proporcional correspondente ás bonificacións ou reducións que poidan estar asociadas ao pagamento das cotizacións sociais.

5. O período de referencia para a imputación dos gastos subvencionables abranguerá desde o 1 de novembro de 2026 e ata o 31 de outubro de 2028, ambos os dous incluídos, de acordo co previsto no artigo 8.1.b).

Artigo 11. Obrigas específicas

No suposto de que se conceda a subvención, sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 28 desta orde e demais normativa de aplicación, na prestación do servizo debe respectarse o seguinte:

a) Realizala, directa ou indirectamente, de acordo co disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, e no artigo 8 e durante a totalidade do prazo determinado na resolución de concesión, sen prexuízo do sinalado no seu número 2.

b) Efectuar o pagamento efectivo dos gastos subvencionables no prazo sinalado no artigo 9.2.

c) Sen prexuízo do establecido no artigo 26 sobre presentación da documentación xustificativa, cada servizo de atención temperá deberá utilizar no desenvolvemento da prestación a aplicación informática que se lle proporcionará desde a Consellería de Política Social e Igualdade, segundo as instrucións de uso establecidas pola consellería.

d) Respecto do persoal do equipo de traballo, tanto no suposto de xestión directa como de xestión indirecta do servizo mediante a concertación con terceiros da execución total da actividade subvencionada, as entidades beneficiarias da subvención e as entidades prestadoras do servizo de atención temperá, respectivamente, estarán obrigadas ao cumprimento da normativa laboral e a respectar as condicións salariais e demais condicións laborais previstas nos convenios colectivos sectoriais de aplicación, da Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se encontren vixentes en cada momento.

Así mesmo, para garantir unhas retribucións do persoal técnico das unidades conforme o previsto no convenio colectivo de aplicación e de acordo coas contías mínimas previstas nesta orde de axudas, nos supostos de contratación de persoal a través de servicios externos, así como de xestión indirecta dos servizos de atención temperá, deberá garantirse unha retribución/hora para os profesionais igual ou superior aos custos unitarios por hora establecidos nesta orde o que deberá constar nos pregos do expediente de contratación ou na documentación relativa ao concerto social, se é o caso.

Artigo 12. Solicitudes e prazo de presentación

1. As entidades interesadas deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I dirixida á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade, en que se farán constar a totalidade de datos reflectidos naquel e que acreditan os aspectos relacionados no número 4. Coa solicitude acompañarase a documentación complementaria indicada no artigo seguinte.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. Na solicitude, anexo I, asinada polo/a representante da entidade ou no caso de agrupacións pola persoa designada segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nos artigos 5, 6 e 7 desta orde e demais normativa aplicable:

a) Identificación da entidade solicitante, do/da representante, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.

b) Declaracións sobre outras subvencións, a veracidade dos datos, a inexistencia de causa que implique prohibición para ser entidade beneficiaria, o coñecemento do cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, as obrigas e o acordo coas actuacións de control.

c) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición ou consentimento expreso, segundo o caso, á consulta dos documentos sinalados no artigo 14.1.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. Coa solicitude xuntarase a documentación acreditativa da representación e dos requisitos establecidos no artigo 7.1, dos datos de execución concretos e dos susceptibles de valoración e, se é o caso, da personalidade e cumprimento de obrigas.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación, no caso de agrupacións –artigo 7.1.c).2º– acreditarase coa presentación da copia do convenio en que figure a designación.

b) Unicamente para agrupacións: copia do correspondente convenio de colaboración, que deberá ter o contido sinalado no artigo 7.1.c).2º e, se é o caso, documento complementario a aquel en que se reflictan os datos especificados no ordinal 2º.1, 2º.2 e 2º.3 do artigo 7.1.c).

c) Anexo II. Certificación sobre acordo e datos. Deberá estar expedida polo/a secretario/a da entidade ou o representante da entidade ou agrupación segundo o previsto no convenio (artigo 7.1.c).2º) e nela constará o seguinte, en función dos termos da solicitude, a acreditación dos requisitos e datos susceptibles de valoración:

1º. Datos relativos ao acordo sobre solicitude de subvención ou, se é o caso, ao convenio, en que se reflicta a aceptación das condicións e requisitos establecidos nesta orde e demais normativa aplicable, así como os compromisos de cofinanciamento da actuación.

Especificaranse: o/os órgano/s competente/s, a data de adopción daquel ou, se é o caso, do convenio en que se inclúa o acordo, o tipo de xestión, individual ou compartida, directa ou indirecta, o prazo de execución incluído dentro do período susceptible de subvención, o número de integrantes do equipo, o número de horas totais de traballo, calculadas de acordo co previsto no artigo 10.3. No caso de inicio do prazo de execución con anterioridade á presentación da solicitude, a declaración de prestación nos termos do artigo 8 debe abranguer desde esa data, sen prexuízo da excepción reflectida no seu número 3.

2º. Exclusivamente para a xestión compartida: a declaración sobre a xestión conxunta, mancomunada ou consorciada.

3º. Unicamente para mancomunidades e consorcios: a determinación dos concellos membros que participan na prestación.

4º. Declaración sobre a data de posta en marcha do servizo configurado como tal polas entidades que presentan a solicitude.

5º. Declaración relativa á remisión de contas ao Consello de Contas de Galicia. Abrangue a obriga de todos e cada un dos concellos que formulan a solicitude ou que integran a/as entidade/s que a subscribe/n.

6º. Indicación da porcentaxe de persoas con discapacidade no/nos respectivo/s cadro/s de persoal do/dos concello/s sobre o/os que se prestará o servizo. No caso de seren varios, figurará a media das citadas porcentaxes.

7º. Declaración sobre cumprimento da normativa respecto da contratación do persoal ou da aplicable en materia de subvencións e contratación administrativa, de ser o caso.

8º. Unicamente para agrupacións: indicación da data de subscrición do convenio.

d) Anexo III. Certificación sobre o equipo de atención temperá e descrición do funcionamento do servizo. Deberá estar expedida polo/a secretario/a da entidade ou o representante da entidade ou agrupación segundo o previsto no convenio (artigo 7.1.c).2º) e nela constará o seguinte en función da acreditación dos requisitos e datos valorables referidos ao prazo de execución obxecto de solicitude:

1º. Indicación dos integrantes do equipo, os datos persoais, os períodos de desempeño, os perfís profesionais, o tipo de vinculación coa entidade, a dedicación (total ou parcial), a bonificación ou non da cota correspondente á Seguridade Social (indicando, de ser o caso, a contía correspondente) e o número de horas de traballo. No caso de contratación ou xestión indirecta futuras cubriranse a totalidade dos datos, agás os persoais, e indicarase esta circunstancia.

2º. Datos relativos ás instalacións, réxime de prestación en función do horario semanal e número estimado de usuarios/as.

e) Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (anexo VII).

f) Acreditación, mediante un informe ou documento equivalente, de que as persoas traballadoras que prestan servizo nesta operación non teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social.

3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, poderanse sinalar datos complementarios ou achegar calquera outra documentación que o solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración. Así mesmo, por parte da unidade tramitadora destas subvencións poderase solicitar a documentación complementaria aclaratoria que se estime pertinente.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberán indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No caso de agrupación consultaranse os documentos sinalados nas letras a), b), c), d) e e) de cada un dos concellos e/ou mancomunidades integrantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

3. Os requirimentos realizaranse de acordo co sinalado no artigo 22 e nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade que realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Revisada a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, a citada unidade procederá a:

a) Formular as correspondentes propostas de resolución de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia respecto dos expedientes en que concorran causas para isto.

b) Remitirlle á Comisión de Valoración aqueles respecto dos cales se verificase a presentación da documentación en prazo e forma e o cumprimento de requisitos previos.

Artigo 19. Comisión de Valoración e proposta de resolución

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas por unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

a) Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Programas de Apoio á Discapacidade ou persoa que o/a substitúa.

b) Secretaría: o/a xefe/a do Servizo de Programas de Apoio á Discapacidade.

c) Vogalías: dous empregados públicos da Consellería de Política Social e Igualdade.

No caso de ausencia dalgunha/s das persoas que a integran será/n substituída/s pola persoa designada pola presidencia da Comisión.

2. A Comisión procederá ao exame do contido das actuacións obxecto de solicitude co fin de verificar se estas e os gastos que abranguen son susceptibles de subvención. Posteriormente procederá á valoración das que se consideren con tal carácter seguindo os criterios establecidos no artigo 20 en función de cada un dos programas previstos no artigo 1.4.

3. No caso de quedar saldo de crédito dispoñible nun dos programas despois de calcular o importe que correspondería a cada unha das entidades que puideren obter a condición de beneficiaria e fose insuficiente o crédito previsto no outro programa, o importe resultante poderá ser obxecto de reaxuste co fin de financiar solicitudes a través deste último.

4. Posteriormente, a Comisión emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención, segundo proceda. A proposta de concesión formularase respecto de cada programa seguindo a respectiva orde de puntuación polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

5. No suposto de que se esgote o crédito sen que poidan ser obxecto de proposta de concesión de subvención a totalidade de solicitudes admitidas respecto de cada programa, as non atendidas quedarán en reserva e, se é o caso, serán susceptibles de sucesivas propostas, segundo a correspondente orde de prelación no caso de que algunha das entidades adxudicatarias renuncie á axuda.

Artigo 20. Criterios de valoración

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos para a admisión, a Comisión valorará as solicitudes de conformidade cos seguintes criterios e puntuacións en función de cada un dos programas previstos:

a) Tipo de xestión:

1º. Individual: 0 puntos.

2º. Compartida: 20 puntos.

b) Cobertura xeográfica e poboacional. Valoraranse os seguintes aspectos:

1º. Número de concellos que participan na solicitude de subvención. No caso de mancomunidades e consorcios unicamente se computarán aqueles integrantes que participan no servizo para o cal se solicita esta subvención sinalados no anexo II. Escala:

1º.1. Un: 0 puntos.

1º.2. Dous: 5 puntos.

1º.3. Tres: 8 puntos.

1º.4. Catro: 12 puntos.

1º.5. Cinco: 16 puntos.

1º.6. Seis ou máis: 20 puntos.

2º. Poboación total dos concellos respecto dos cales se prestará o servizo, segundo a cifra oficial na data do 1 de xaneiro de 2025, fonte Instituto Galego de Estatística.

Escala segundo o número de habitantes:

2º.1. Ata 15.000: 0 puntos.

2º.2. De 15.001 a 20.000: 4 puntos.

2º.3. De 20.001 a 25.000: 6 puntos.

2º.4. De 25.001 a 30.000: 8 puntos.

2º.5. Máis de 30.001: 10 puntos.

c) Réxime de prestación do servizo que se levará a cabo a partir do mes seguinte ao da notificación da resolución de concesión da axuda, se é o caso, en función do horario semanal, segundo o seguinte:

1º. Nos termos previstos no artigo 8.1.e): 0 puntos.

2º. Tres días á semana en horario de tarde (a partir das 15.30 horas) cun mínimo de tres horas cada un deles: 4 puntos.

3º. Catro días ou máis á semana en horario de tarde (a partir das 15.30 horas) cun mínimo de tres horas cada un deles: 5 puntos.

d) Existencia de persoas con discapacidade no/nos respectivo/s cadro/s de persoal do/dos concello/s sobre os cales se prestará o servizo, segundo a escala seguinte. No caso de seren varios, indicarase como cifra a media das porcentaxes de cada un deles.

1º. Ata 0,5 %: 0 puntos.

2º. Máis do 0,5 % e ata o 1 %: 2 puntos.

3º. Máis do 1 % e ata o 2 %: 4 puntos.

4º. Máis do 2 %: 6 puntos.

e) Nivel de especialización do equipo profesional das unidades de atención temperá: máximo 10 puntos.

1º. Unidades de atención temperá que conten con algún profesional que posúa formación especializada en desenvolvemento infantil, atención temperá, psicomotricidade ou intervención familiar mediante título universitario oficial ou propio (mínimo 60 ECTS): 5 puntos.

2º. Unidades de atención temperá que conten con algún profesional que posúa un título de máster universitario oficial ou propio cuxa denominación inclúa algunha das seguintes funcións: linguaxe, comunicación e as súas patoloxías, neuropsicoloxía infantil pediátrica ou do desenvolvemento, psicomotricidades, fisioterapia pediátrica, rehabilitación infantil, terapia ocupacional pediátrica ou integración sensorial, educación inclusiva ou necesidades educativas especiais, psicopedagoxía, orientación ou intervención educativa na infancia, intervención ou apoio familiar na primeira infancia ou en situación de vulnerabilidade: 3 puntos.

3º. Unidades que conten con algún profesional que acrediten a participación con aproveitamento, en calquera das súas edicións, no programa anual intraservizos destinado ao persoal técnico da Rede galega de atención temperá e promovido pola Consellería de Política Social e Igualdade: 2 puntos.

2. No caso de empate na puntuación entre dúas ou varias solicitudes, resolverase respecto a cada programa, en función da acadada no primeiro criterio e así sucesivamente segundo a orde en que figuran ata a resolución daquel.

De continuar o empate, será adxudicataria aquela en que a poboación sexa maior na data do 1 de xaneiro de 2025.

No programa II terán preferencia aquelas entidades que non renunciasen á axuda nas convocatorias anteriores.

Artigo 21. Resolución

1. A resolución que proceda ao abeiro desta orde será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, que actuará por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, despois da proposta do órgano instrutor, e no caso de que o seu contido sexa a concesión de subvención, tras a fiscalización pola Intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o dito prazo sen que recaese resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

3. En todo caso, deberá notificarse a cada entidade beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida.

Así mesmo, figurará a identificación da entidade beneficiaria a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Tamén se lle informará á entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

4. E no suposto previsto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, polo tanto, cando a entidade beneficiaria sexa unha agrupación de concellos e/ou de mancomunidades destes constarán na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que se vai aplicar a cada un, que terán igualmente a condición de entidades beneficiarias.

Artigo 22. Publicación e notificacións dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

E serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería
(http://politica-social.xunta.gal).

2. Así mesmo, de forma complementaria, as notificacións de resolución e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas nesta convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado nos artigos 19, 20 e 21.

Artigo 24. Réxime de recursos

1. A resolución expresa ou presunta ditada ao abeiro desta orde poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 25. Modificación e rectificación da resolución

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a actuación subvencionable e non dea lugar á execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:

a) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o primeiro prazo para a presentación da documentación xustificativa (15.11.2027) da realización da actividade e a esta xuntarase:

1º. Memoria xustificativa.

2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

3º. Orzamento modificado, se é o caso.

b) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros.

c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Cando implique modificación do importe total concedido tramitarase conxuntamente a do expediente de gasto. Se a modificación da resolución implicase unha modificación do importe nas anualidades previstas, será necesario a autorización previa do Consello da Xunta, no caso de que os novos importes superen os límites fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. Esta aceptación polo órgano concedente non exime á entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. A Administración poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia de erro material, de feito, ou aritmético.

Artigo 26. Xustificación da subvención: obxecto, prazo e documentación

1. A actuación executada deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización dos prazos de xustificación determinado no número 5.

2. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 e, concretamente, conforme os artigos 53.1.b) e d), 53.3.a) i), 55.2.a) e 56.1 do devandito regulamento.

3. A documentación presentarase ante a Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade dentro dos prazos límite que se sinalan no número 5.

4. Figurarán os anexos relativos á documentación xustificativa na sede electrónica da Xunta de Galicia e un enlace a eles na páxina web da consellería (http://politica-social.xunta.gal), no punto relativo á información desta orde.

5. Respecto de ambos os programas e tanto xestión directa como indirecta, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa de cada un dos períodos de execución na seguintes datas:

a) Período que abrangue desde o 1 de novembro de 2026 ata o 31 de outubro de 2027, con data límite o 15 de novembro de 2027.

b) Período que abrangue desde o 1 de novembro de 2027 ata o 31 de outubro de 2028, con data límite o 15 de novembro de 2028.

6. A documentación xustificativa da actuación executada obxecto da subvención é a seguinte:

a) Anexo IV. Solicitude de pagamento e declaración. Asinada polo/a representante da entidade ou da agrupación segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º. Ademais dos datos identificativos faranse constar as declaracións sobre o cumprimento da finalidade e da normativa, sobre solicitude ou non doutras subvencións actualizada e sobre inexistencia de causa que implique prohibición para ser beneficiario. Así mesmo, relación da documentación complementaria que se xunta.

b) Anexo V. Certificación sobre condicións da execución. Asinada polo/a secretario/a da entidade ou o/a representante da agrupación segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º, en que figure:

1º. Declaración, se é o caso, sobre cumprimento da normativa aplicable en materia de publicidade, visibilidade, transparencia e comunicación ás axudas financiadas a través de fondos da Unión Europea, así como en materia de subvencións e, se é o caso, en materia de contratación pública, concerto social e demais normativa aplicable.

2º. Indicación do prazo de execución, do número de horas totais de traballo dedicadas e da suma das cifras correspondentes a todas as persoas integrantes do equipo.

3º. Datos de cada unha das persoas integrantes do equipo: os datos persoais, os períodos de desempeño, os perfís profesionais, o tipo de vinculación coa entidade, a dedicación (total ou parcial), a bonificación ou non da cota correspondente á Seguridade Social (indicando, de ser o caso, a contía correspondente) e o número de horas de traballo (calculadas segundo o disposto no artigo 10.3).

No caso de xestión indirecta ou de contratación de persoal externo, estes datos deberán corresponderse cos indicados nas facturas correspondentes.

4º. Réxime da prestación en función do horario semanal.

5º. Número de persoas usuarias atendidas desagregado por sexo, así como totais. Os datos reflectidos na certificación deberán coincidir cos recollidos na aplicación informática referida no artigo 11.d).

c) Anexo VI. Folla mensual de horas traballadas. Asinadas pola persoa traballadora, así como, no caso de xestión directa, polo/a secretario/a ou persoa designada segundo o previsto no artigo 7.1.c).2º, e no de xestión indirecta, pola persoa responsable da entidade prestadora. Achegarase unha por cada persoa traballadora e mes de desempeño en que figuren as horas diarias efectivamente traballadas dedicadas ao servizo, así como un resumo do número total de horas no período subvencionado. Deberá cubrirse en función do establecido no artigo 10.3. A suma das horas consignadas en todas as fichas debe ser equivalente ás contías consignadas no anexo V.

d) Documentación xustificativa da publicidade da actuación segundo o establecido nos artigos 11.c) e 28 desta orde: fotografías do lugar ou lugares no/nos cal/es se levou a cabo a prestación en que se aprecie a situación do cartel ou carteis informativo/s, con indicación da data de colocación, documentos relativos á publicidade na páxina web; por exemplo, capturas de pantalla e na documentación escrita: copia dun exemplar de cada tipo utilizado.

e) Nos supostos de xestión indirecta ou de contratación de persoal externo, de ser o caso:

1º. Copia das facturas referidas na letra b) ordinal 3º do punto 6 do artigo 26, xunto cos xustificantes bancarios de pagamento.

2º. Para comprobar que as entidades beneficiarias cumpren a normativa vixente en materia de contratación pública, de acordo co establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, estas deberán achegar copia do documento administrativo en que se formalice o contrato a través do cal se presten os servizos de atención temperá.

3º. No suposto de formalización dun concerto social con entidades, deberán achegar copia do documento administrativo en que se formalice o concerto social a través do cal se presten os servizos de atención temperá.

4º. Así mesmo, no caso de que as entidades beneficiarias formalizasen contratos menores definidos no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, deberá acreditarse a súa existencia achegando os seguintes documentos que conforman o expediente de contratación: o informe do órgano de contratación en que se xustifique de xeito motivado a necesidade do contrato e que non se está alterando o seu obxecto co fin de evitar a aplicación dos límites previstos nesta lei, o documento de aprobación do gasto e as facturas correspondentes.

Os datos que se consignen nos respectivos anexos e documentos sinalados neste número 5 serán unicamente os da prestación do servizo que se desenvolva durante o período reflectido na resolución de concesión da subvención.

f) Documentación acreditativa de titulación de cada un dos profesionais que conforman o equipo da respectiva unidade de atención temperá.

g) Contratos laborais ou mercantís debidamente formalizados.

h) Partes de alta na Seguridade Social e informe de datos de cotización (IDC) do persoal propio das entidades beneficiarias que conforma o equipo da respectiva unidade de atención temperá.

i) De ser o caso, informe ou documento equivalente en que se acredite que as persoas traballadoras que prestaron servizo nesta operación non tiñan bonificada a cota correspondente á Seguridade Social.

7. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido levará consigo a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, á exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o disposto nela e no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

8. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do gasto que consideren convenientes.

Artigo 27. Pagamento da subvención e minoración

1. Unha vez xustificada a subvención nos termos establecidos no artigo 26 o órgano competente poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada, tal como se sinala no artigo 31.

2. Os pagamentos realizáranse coa seguinte periodicidade:

a) Para a anualidade 2026, realizarase o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución de concesión.

b) Para a anualidade 2027, realizarase de forma fraccionada cun pagamento do 60 % da contía da subvención en concepto de anticipo, que se fará efectivo ao longo do mes de marzo de 2027.

O importe restante ou a parte que corresponda aboarase ata o 31 de decembro de 2027, que se librará logo da xustificación pola entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.

c) Para a anualidade 2028, realizarase de forma fraccionada cun pagamento do 70 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo ao longo do mes de marzo de 2028.

O importe restante ou a parte que corresponda aboarase ata o 31 de decembro de 2028, que se librará logo da xustificación pola entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.

3. Os gastos correspondentes ao período comprendido entre o 1 de novembro de 2026 e o 31 de decembro de 2026 imputaranse ao exercicio 2026. Os gastos correspondentes ao período comprendido entre 1 de xaneiro de 2027 e o 31 de outubro de 2027 imputaranse ao exercicio 2027. Os gastos comprendidos ao período entre o 1 de novembro de 2027 e o 31 de outubro de 2028, ao exercicio 2028.

4. O importe da subvención concedida minorarase proporcionalmente sempre que estea garantida a consecución do obxecto: cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo indicadas na solicitude e tidas en conta para a asignación da subvención ou ben cando algunha das persoas traballadoras teña bonificada a cota correspondente da Seguridade Social e non se tivese en conta para o cálculo da contía da subvención que se vai conceder por non se ter indicado esta circunstancia no momento da solicitude.

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo do disposto no artigo 8 as entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, os requisitos e obrigas reflectidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación. En particular, as seguintes:

a) Destinar os fondos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente.

b) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

c) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

d) Cumprir as prescricións de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actuación e que a continuación se indican en cumprimento do previsto nos artigos 15.3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, e 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como, ao tratarse de actuacións cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

En todo caso, durante a execución da actuación respectarase o reflectido no artigo 11.c), sen prexuízo de que os carteis deberán permanecer colocados e na páxina web coa correspondente información, como mínimo, ata a data en que remata o prazo final de xustificación da subvención establecido no artigo 26.

e) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade) e pola Unión Europea. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás persoas participantes.

f) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na devandita aplicación informática.

g) Cumprir coa normativa de protección de datos de carácter persoal. En concreto, as entidades beneficiarias deberán de someterse ao establecido no Regulamento (UE) 2018/1725 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2018, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais polas institucións, órganos e organismos da Unión, e á libre circulación deses datos, e polo que se derrogan o Regulamento (CE) nº 45/2001 e a Decisión nº 1247/2002/CE, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, na responsabilidade do tratamento da información nos servizos de atención temperá. Os datos relativos ás persoas usuarias ou participantes na actuación subvencionada incorporaranse ao rexistro de actividades de tratamento de datos. En todo caso, deberá constar necesariamente a autorización expresa da persoa interesada para o tratamento e incorporación dos seus datos, sendo a entidade beneficiaria da axuda a que deberá recadar e custodiar esta documentación.

h) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

i) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Política Social e Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

k) Así mesmo, cumprir coa obriga de subministración de información nos termos establecidos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

l) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como comunicar á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade os casos de sospeitas de fraude.

m) Deberá conservarse a documentación do expediente de contratación que acredite o cumprimento da Lei 9/2017, do 8 de novembro ou, se é o caso, do expediente do concerto social que acredite o cumprimento dos artigos 33.bis a 33.septies da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e o Decreto 229/2020, do 17 de decembro.

Artigo 29. Responsabilidade

1. A organización e materialización da actuación obxecto de subvención será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria.

2. A actuación da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade quedará limitada ao outorgamento daquela e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas e demais normativa de aplicación pola tipoloxía do servizo subvencionado.

Artigo 30. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Ao tratarse de actuacións cofinanciadas polo programa FSE+ Galicia 2021-2027:

a) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida no caso de incumprir a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

b) Procederá o reintegro do 100 % do importe percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles.

c) Particularmente acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida, no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 28 letras d) e e).

3. Ás entidades beneficiarias destas subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 31. Comprobación, seguimento e control

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

2. A Consellería de Política Social e Igualdade levará a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.

3. Sen prexuízo do indicado no número anterior, a Consellería poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das subvencións. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás verificacións previstas nos artigos 74 e 81 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e aos demais controis que procedan por mor do cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, incluídas as correspondentes visitas sobre o terreo.

Artigo 32. Remisión normativa

1. Respecto de todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/C.

b) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

g) Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

h) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

i) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

j) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. Igualmente, por tratarse de actuacións cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 será de aplicación a seguinte normativa específica:

a) Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e política de visados.

b) Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1296/2013.

c) Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Artigo 33. Información ás entidades interesadas

Sobre esta orde poderase obter información adicional a través das seguintes páxinas web: a da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, a da Consellería de Política Social e Igualdade:
http://politica-social.xunta.gal. Así mesmo, na Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade, a través dos teléfonos 981 54 36 96/54 46 40, no enderezo electrónico autonomiapersoal.sxps@xunta.gal ou ben de xeito presencial.

Disposición adicional primeira. Comunicación de feitos constitutivos de fraude ou irregularidades

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado no seguinte enderezo
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-es/snca/paginas/comunicacionsnca.aspx

En tanto non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través do seguinte enderezo:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-
comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición adicional segunda. Publicidade e comunicación á Base de datos nacional de subvencións

A consellería concedente publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para realizar os actos de autorización e disposición de gasto, recoñecemento de obrigas e proposta de pagamentos previstos no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade para ditar os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file