BDNS (Identif.): 923863.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/923863
Primeiro. Entidades beneficiarias
Serán entidades beneficiarias segundo o tipo de xestión:
a) Para a xestión individual: concellos, incluídos os que resulten dunha fusión municipal.
Para a creación de unidades de atención temperá de xestión individual (programa II) exixirase con carácter xeral que estas conten no seu ámbito territorial cun censo mínimo de 300 menores de 0-6 anos, segundo a cifra de poboación na data do 1 de xaneiro de 2025 (fonte Instituto Galego de Estatística). No suposto en que a creación da nova unidade de atención temperá de xestión individual sexa promovida por un concello que formase parte dunha unidade de atención temperá de xestión compartida subvencionada pola anterior Orde do 27 de xuño de 2024, exixirase que este conte no seu ámbito territorial cun censo mínimo de 500 menores de 0-6 anos, segundo a cifra de poboación na data do 1 de xaneiro de 2025 (fonte Instituto Galego de Estatística).
b) Para a xestión compartida:
1º. Agrupacións de concellos e/ou agrupacións de mancomunidades de concellos.
2º. Mancomunidades de concellos.
3º. Consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos. Quedan excluídas as deputacións provinciais.
Para a creación de novas unidades de atención temperá de xestión compartida (programa II), exixirase que estas conten no seu ámbito territorial cun censo mínimo de 200 menores de 0-6 anos, segundo a cifra de poboación na data do 1 de xaneiro de 2025 (fonte Instituto Galego de Estatística).
Quedan excluídas as deputacións provinciais.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia destinadas á prestación de servizos nos anos 2026, 2027 e 2028 ao abeiro do disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá (código de procedemento BS700A).
As subvencións destinaranse á consecución das seguintes finalidades:
a) Programa I, destinado á consolidación dos servizos de atención temperá actualmente subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Orde do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan (código de procedemento BS700A), e da Orde do 24 de setembro de 2025 pola que se efectúa a segunda convocatoria de axudas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2024 a 2026, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (código de procedemento BS700A).
b) Programa II, destinado a servizos de atención temperá existentes e actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 22 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2026 a 2028, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS700A).
Cuarto. Financiamento e contía
1. Para o financiamento desta convocatoria destínase crédito por importe total de dezaoito millóns catrocentos cincuenta e tres mil setecentos dez euros con vinte e tres céntimos (18.453.710,23 €), que se imputará á aplicación 08.04.312E.460.1, coa seguinte desagregación por anualidades:
|
Anualidade |
Importe programa I |
Importe programa II |
Total |
|
2026 |
1.305.212,92 € |
232.596,26 € |
1.537.809,19 € |
|
2027 |
6.526.064,61 € |
1.162.981,32 € |
7.689.045,93 € |
|
2028 |
7.831.277,53 € |
1.395.577,59 € |
9.226.855,11 € |
Esta convocatoria está cofinanciada pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % (11.072.226,14 €) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4 «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais»; prioridade 7 «Garantía infantil»; obxectivo específico ESO4.11 «Mellorar a igualdade e a oportunidade do acceso a uns servizos de calidade, sustentables e alcanzables, incluídos os servizos que propicien o acceso á vivenda e uns coidados centrados nas persoas, especialmente a sanidade; modernizar os sistemas de protección social, especialmente o fomento do acceso á protección social, cunha atención particular aos nenos e aos colectivos desfavorecidos; mellorar a accesibilidade, tamén para persoas con discapacidade, a efectividade e a resiliencia dos sistemas de asistencia sanitaria e de dependencia» e medida 7.K.01 «Servizo de atención temperá destinado a menores vulnerables con trastornos no seu desenvolvemento».
2. A contía máxima de subvención por beneficiario virá determinada pola poboación de menores de 0-6 anos existente no ámbito territorial de prestación do servizo da respectiva unidade de atención temperá:
1º. Categoría 1 Servizos de xestión individual que conten cunha poboación de ata 1.100 menores de 0-6 anos: ata 12.100,00 € de importe máximo por mes subvencionable.
2º. Categoría 2. Servizos de xestión compartida que conten cunha poboación de ata 1.100 menores de 0-6 anos no seu ámbito territorial: ata 15.287,00 € de importe máximo por mes subvencionable.
3º. Categoría 3. Servizos de xestión compartida ou individual que conten cunha poboación de máis de 1.100 menores de 0-6 anos no seu ámbito territorial: ata 18.344,40 € de importe máximo por mes subvencionable.
O importe da subvención calcularase segundo o sistema de custos simplificados de custo unitario por hora máis a porcentaxe de tipo fixo para os outros gastos directos e indirectos.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Outros datos
De conformidade co establecido na orde e nos termos establecidos nos artigos 8 e 27:
a) Para os efectos da concesión da subvención, o obxecto da prestación estará exclusivamente integrado polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta.
b) O período máximo subvencionable abranguerá desde o 1 de novembro de 2026 ata o 31 de outubro de 2028 e os gastos imputables serán os directos de persoal e outros gastos directos e indirectos realizados naquel e que fosen efectivamente pagados na data límite de xustificación.
c) O equipo de traballo deberá contar cun mínimo de 3 integrantes e ser interdisciplinar.
d) Para a anualidade 2026, realizarase o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución de concesión. Para a anualidade 2027, realizarase de forma fraccionada cun pagamento do 60 % da contía da subvención en concepto de anticipo, que se fará efectivo ao longo do mes de marzo de 2027. O importe restante ou a parte que corresponda aboarase ata o 31 de decembro de 2027, que se librará logo da xustificación pola entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde. Para a anualidade 2028, realizarase de forma fraccionada cun pagamento do 70 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo ao longo do mes de marzo de 2028. O importe restante ou a parte que corresponda aboarase ata o 31 de decembro de 2028, que se librará logo da xustificación pola entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta orde.
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
