Antecedentes:
1º. O 29 de abril de 2026 o Servizo de Patrimonio Natural do Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático recibe un aviso dun episodio de mortalidade de troitas no río Soldón, concretamente no lugar de Rugando. O dito evento relacionase coas fortes tormentas acontecidas en abril deste ano e o arrastre de cinza debido á falta de vexetación de ribeira causada polo incendio forestal acaecido no verán do ano 2025.
2º. O 11 de xuño de 2026 os axentes do Distrito VIII achegan o informe con base na inspección realizada in situ. De acordo co citado informe o servizo conclúe o seguinte:
1. Causa da mortalidade: as choivas torrenciais dos días 25, 26 e 28 de abril provocaron arrastres masivos de cinzas e terra acumulada na bacía como consecuencia do incendio do verán de 2025.
2. Danos observados: constatouse a mortalidade de troitas e unha considerable acumulación de lodos e cinzas en ambas as marxes e no leito do río, especialmente na zona da praia fluvial preto da desembocadura.
3. Risco futuro: dada a pendente da zona e a falta de vexetación, os axentes advirten de que, mentres non se recupere a cuberta vexetal, estes episodios de arrastres e a conseguinte mortalidade piscícola serán continuos.
4. Proposta: os axentes propoñen a veda deste río polas circunstancias descritas.
Consideracións legais e técnicas:
I. A Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, establece no seu artigo 59.2 que «No caso de extremo empobrecemento dos recursos vivos das augas ou cando circunstancias excepcionais o aconsellen, a consellería competente en materia de pesca continental, oído previamente o Consello Galego de Pesca Continental, poderá acordar as medidas que coide pertinentes, mesmo a veda absoluta naqueles tramos de auga que sexa necesario (...)».
II. Porén o número 9 do artigo 35 indica que a consellería competente poderá prohibir temporalmente o emprego de calquera arte ou modalidade de pesca en toda ou en parte das augas continentais cando existan razóns hidrobiolóxicas e de orde sanitaria que así o aconsellen. Esta prohibición publicarase no Diario Oficial de Galicia con expresión da súa motivación.
III. O Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais sinala no artigo 48.1 que «Cando existan razóns hidrobiolóxicas ou ambientais que así o aconsellen, poderanse adoptar medidas excepcionais de urxencia para a protección da fauna piscícola e do seu medio», e no número 2 engade que estas medidas «poderán prohibir temporalmente (...) todo tipo de pesca nunha determinada masa de auga».
IV. De acordo co anexo XI da Orde do 11 de decembro de 2025 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2026 (DOG núm. 246, do 22 de decembro), unha vez rematada a actual tempada de pesca o 31.7.2026, o tramo de 1,3 km do río Soldón existente inmediatamente anterior á desembocadura no encoro de Sequeiros permanecería como hábil para a pesca sen morte ata o vindeiro 30.9.2026.
V. O 6.7.2026 o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático propón a veda absoluta para o exercicio de calquera modalidade de pesca en todos os tramos do río Soldón (concello de Quiroga), afectados polos arrastres de cinzas, co obxecto de protexer os recursos piscícolas ante o «extremo empobrecemento» e as «circunstancias excepcionais» descritas, ao abeiro do artigo 35.9 da Lei 2/2021 e do artigo 48 do Decreto 130/1997.
VI. A competencia para a resolución deste procedemento corresponde á directora xeral de Patrimonio Natural, de conformidade co disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Prohibir temporalmente todas as modalidades de pesca nos tramos do río Soldón no concello de Quiroga ata o 30 de setembro de 2026, de conformidade co artigo 35.9 da Lei 2/2021, debido ao extremo empobrecemento e as circunstancias excepcionais orixinadas polos arrastres masivos de cinzas e terra acumulada na bacía como consecuencia dos incendios acaecidos durante o verán do ano 2025 e o seu impacto sobre a fauna ictícola e estado do medio acuático.
Segundo. No caso de persistiren as citadas circunstancias excepcionais, deberá someterse á consulta do correspondente Consello Provincial de Pesca Continental, así como do Consello Galego de Pesca Continental, a proposta de veda do mencionado río, para os efectos, de ser o caso, da inclusión da citada veda na regulación anual da tempada de pesca continental correspondente ao ano 2027.
Terceiro. Esta resolución non finaliza a vía administrativa, polo que contra ela se poderá interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Esta resolución entrara en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
Marisol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural
