Belén do Campo entrega a medalla ao mérito de Protección Civil ao membro da agrupación de Arteixo, José Manuel López

A delegada da Xunta na Coruña resaltou a importancia de Protección Civil para o benestar e seguridade de todos os galegos

Arteixo (A Coruña), 31 de outubro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo xefe do servizo provincial de Emerxencias, Víctor Vázquez, entregou esta mañá a medalla ao mérito de Protección Civil ao voluntario da agrupación en Arteixo, José Manuel López Blanco, en recoñecemento ao seu labor ao fronte da agrupación de voluntarios de Arteixo desde a súa fundación no ano 1994, sendo ao mesmo tempo coordinador de emerxencias deste concello desde ese mesmo ano. Foi, ademais, un dos fundadores da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e vicepresidente durante varios anos.

Belén do Campo puxo en valor o excelente traballo levado a cabo polo corpos de Protección Civil para o benestar e a seguridade de todos os galegos, “homes e mulleres que entregan o seu tempo e se ocupan de algo que ás veces non valoramos ata que o necesitamos”, indicou.

 “Creo que temos moitas razóns para estar orgullosos da nosa Protección Civil, eses milleiros de persoas que traballan como en ningunha outra comunidade autónoma”, manifestou a delegada, ao mesmo tempo que resaltou o incremento de voluntarios nos últimos anos.

O Goberno galego leva investidos en Emerxencia máis de 27 millóns de euros desde 2009 en axudas para custes de financiamento, formación de voluntarios e dotación de material e equipamento. Neste sentido, a representante do Goberno autonómico remarcou o compromiso do Executivo de seguir contribuíndo á formación e dotación do material preciso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2024