Galicia participa no pleno do Consello Nacional de Protección Civil no que se aprobou a actualización das directrices básicas de diferentes riscos
No encontro de hoxe, ao que asistiu por videoconferencia o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, abordáronse os riscos de terremotos, volcánico, químico e autoprotección
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou por videoconferencia no pleno do Consello Nacional de Protección Civil, no que se aprobaron as novas directrices básicas dos riscos de terremotos, volcánico, químico e de autoprotección para adaptalas á nova normativa básica de Protección Civil. Complétase así a actualización iniciada no anterior encontro, centrado nas directrices básicas dos riscos de incendios forestais, inundacións, transporte de mercadorías perigosas e meteorolóxicos.
Así, a Xunta procederá á revisión e adaptación da normativa autonómica para adaptala ao marco lexislativo estatal vixente no relativo a situacións operativas, órganos de dirección, asesoramento e grupos operativos.
Por outra banda, na quenda de rogos e preguntas, Galicia demandou a potenciación do sistema Es-Alert para garantir o correcto funcionamento desta ferramenta que reforza a comunicación oficial, directa e inmediata entre as autoridades e as persoas potencialmente afectadas por unha emerxencia ou catástrofe, xa que segundo se apuntou, nas áreas transfronteirizas é necesario mellorar a súa cobertura.