A Xunta financia con preto de 950.000 euros proxectos en 14 municipios da zona a través das axudas do Fondo de Compensación Ambiental
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou o Concello de Ortigueira que adquiriu un coche para a Policía Local, un vehículo cortacésped, un remolque de recollida, limpeza e eliminación de residuos contaminantes, equipos de ofimática e contratou a 10 traballadores para tarefas de vixilancia medioambiental grazas a unha axuda de 162.553 euros
Incidiu na importancia de seguir ao carón das Administracións locais con actuacións que optimicen os seus recursos, compromiso que o Goberno galego recolle nos Orzamentos 2025
Ortigueira (A Coruña), 31 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá ao Concello de Ortigueira, para recibir, xunto ao alcalde da vila, Valentín Calvín, o novo vehículo da Policía Local financiado a través dunha aportación autonómica de 162.553 euros ao amparo da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) correspondente a esta anualidade.
A través desta liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ás Administracións locais, o Concello de Ortigueira tamén adquiriu un vehículo cortacésped; un remolque de recollida, limpeza e eliminación de residuos contaminantes; así como novos equipos de ofimática del alta eficiencia enerxética e financiou a contratación de persoal municipal para o desenvolvemento de actividades de vixilancia medioambiental, concretamente dous capataces e oito brigadas que desenvolveron traballos de rozas e limpeza de montes.
O Concello de Ortigueira é un dos 14 municipios das bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal beneficiarios do Fondo de Compensación Ambiental -tanto da liña competitiva como da non competitiva- que este ano deixou axudas por valor de preto de 950.000 euros na zona e contou cun orzamento de 11,2 M€.
A delegada territorial advertiu da importancia de estar ao carón das Administracións locais con actuacións como estas que optimicen os seus recursos e melloren a súa eficiencia enerxética e comprometeu o mantemento do apoio do Goberno galego nos Orzamentos 2025 “coa orde de Infraestruturas de uso público dotada de 3,5 M€, o Fondo de Cooperación Local (168 M€) ou os outros 11,2 M€ do Fondo de Compensación Ambiental”, citou.
A estas medidas anuais engádese a liña plurianual destinada á eficiencia enerxética cun investimento superior aos 5,3 M€ e a liña de axudas a asociacións veciñais e de mulleres rurais e comunidades usuarios de augas que disporán dun orzamento de 4 M€.