A conselleira de Vivenda de Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou cos alcaldes os convenios necesarios para materializar estas intervencións

A Xunta financia actuacións en Ares, San Sadurniño, Celanova e Riós por preto de 700.000€ ao abeiro do fondo de cooperación

Este investimento permitirá acometer o acondicionamento do mercado de Ares, a adquisición dunha nave para servizos municipais en San Sadurniño, a urbanización da rúa Castor Elices en Celanova e a compra dunha vivenda en Riós para usos sociais

O Fondo de Cooperación é unha iniciativa coa que a Xunta, mediante préstamos sen xuros, apoia aos concellos de menos de 50.000 habitantes para financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar

Este Fondo consta dun orzamento de 20M€ e o prazo de solicitudes para a convocatoria deste ano, dotada con 2,4M€, finaliza hoxe mesmo

A Xunta, dende a posta en marcha do Fondo, leva concedidos préstamos por importe de máis de 24M€ para impulsar 102 actuacións nun total de 68 concellos

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe cos alcaldes de Ares, Julio Iglesias; de San Sadurniño; Secundino García; de Celanova, Antonio Puga; e de Riós, Eva Barrio; os convenios para financiar actuacións nestes municipios, ao abeiro do Fondo de Cooperación, cun investimento total de preto de 700.000€.

O Goberno galego colabora así cos municipios para executar intervencións tan diversas como o acondicionamento do mercado de Ares, a adquisición dunha nave para servizos municipais en San Sadurniño, a urbanización da rúa  Castor Elices en Celanova e a compra dunha vivenda en Riós para usos sociais.

De xeito máis concreto, o Concello de Celanova recibe 464.000€ para urbanizar a rúa Castor Elices, incluíndo actuacións de accesibilidade, mellora e ampliación de beirarrúas, renovación de servizos ou organización do tráfico.

O Concello de San Sadurniño, mediante a concesión de 150.000€, adquirirá unha nave no Outeiro que vén alugando desde hai 25 anos e utiliza para servizos municipais.

O Concello de Ares recibe 40.930€ para o repintado do edificio e a substitución da carpintería exterior do Mercado, para adaptalo ás normas de cores publicadas polo COAG e a Xunta e harmonizar a edificación coa contorna.

O Concello de Riós disporá de 37.800€ para adquirir unha vivenda en San Cristovo, que se reformará para habilitar dúas vivendas destinadas a uso social. No baixo crearase unha vivenda dun dormitorio e na planta superior outra de 3. 

Fondo de Cooperación

Trátase de préstamos sen xuros, a través deste Fondo de Cooperación, cos que a Xunta colabora cos municipios para que invistan en actuacións fundamentais como a vivenda ou a mellora das infraestruturas e servizos para a veciñanza.

Este Fondo presta apoio aos municipios de menos de 50.000 habitantes para financiar actuacións de rehabilitación e de conservación de patrimonio, así como de rexeneración urbana ou de adquisición de inmobles para rehabilitar.

Cómpre lembrar que este Fondo está dotado dun orzamento de 20M€ e o prazo de solicitudes para a convocatoria deste ano, dotada con 2,4M€, finaliza hoxe mesmo.

A Xunta, dende a posta en marcha do Fondo, leva concedidos préstamos por importe de máis de 24M€ para impulsar 102 actuacións nun total de 68 concellos para a rehabilitación e adquisición de diversas construcións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/10/2024