A Xunta contribúe a eliminar tres puntos de vertido de augas residuais no concello de Pontevedra

Os técnicos de Augas de Galicia detectaron as incidencias no marco dos seus labores rutineiros de inspección na demarcación hidrográfica Galicia-Costa

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente tres puntos de vertido de augas residuais no concello de Pontevedra.

O persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) do organismo hidráulico iniciou as actuacións no marco dos labores rutineiros de inspección na rede fluvial do municipio ao abeiro da campaña de inspeccións que realiza habitualmente no ámbito territorial da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

Os profesionais do ente autonómico detectaron que se producían filtracións de augas residuais procedentes da infraestrutura de saneamento que acababan no leito do río ao tempo que nun punto de desaloxo de augas pluviais cara ao curso fluvial, observándose un caudal de aspecto turbio e cheiro a fecais. Os resultados das mostras tomadas na zona corroboraron a existencia de contaminación microbiolóxica.

Durante os traballos de busca da orixe da contaminación detectada, localizouse unha filtración de augas residuais desde a rede de saneamento cara a canalización de augas pluviais, cuestións que se puxeron en coñecemento do titular das instalacións co fin de que emendase as deficiencias existentes.

Os técnicos de Augas de Galicia puideron comprobar nunha inspección posterior xunto a persoal do servizo de augas do Concello que se procedera a reforzar a estrutura de formigón do tramo do colector de saneamento que se atopaba en mal estado e no que se producían eses aportes irregulares, poñendo fin así aos vertidos.

Data de actualización: 04/11/2024