A Xunta optimiza dous servizos de autobús entre Trazo e Santiago de Compostela para reforzar as frecuencias que empregan os estudantes de instituto

As melloras poranse en marcha o luns, 11 de novembro, co obxectivo de facilitar o acceso en transporte público ao alumnado das ensinanzas non obrigatorias

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2024

A Xunta optimiza os horarios e paradas de dous servizos de autobús entre Trazo e Santiago de Compostela para reforzar as opcións de viaxe dos estudantes de instituto que se desprazan a diario á cidade, un asunto abordado nunha reunión entre a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez.

Coas melloras aprobadas no servizo, que se implantarán o luns, 11 de novembro, a Xunta, a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, atende a solicitude trasladada polo Concello de Trazo de optimizar o percorrido e horarios do transporte público ao alumnado de ensinanzas non obrigatorias.

Desde o luns, a liña Cuca-Rúa da Rosa pasará a saír de Gonselle e axusta tamén outras paradas do seu itinerario para optimizar a duración das viaxes.

Os horarios dos servizos ofrecerán marxe de tempo para que os estudantes poidan chegar a tempo aos seus centros e de novo á parada. O autobús de ida sairá ás 06,55 horas e terá chegada prevista á rúa da Rosa ás 08,05 horas, e o de volta sairá da rúa da Rosa ás 15,20 horas.

Nestes servizos, como en todo o transporte público da Xunta de Galicia, os menores de 21 anos poden viaxar gratis empregando a tarxeta TMG Xente Nova, da que son titulares case 120 usuarios de Trazo.

A información relativa aos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/11/2024