A Xunta colabora co Concello de Trabada na renovación da cuberta do polideportivo municipal
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes apoia a actuación cunha achega de 36.000 euros
Durante a visita tamén comprobou a obra de substitución da caldeira do CEIP Celso Currás, executada este verán pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP cun investimento de 17.500 euros
Trabada (Lugo), 27 de xullo de 2026
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achega 36.000 euros para renovar a cuberta do pavillón polideportivo municipal de Trabada, a través da orde de axudas a concellos para mellorar infraestruturas públicas.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou as instalacións, onde explicou que a Administración autonómica financia a obra de renovación da cuberta do edificio que alberga os vestiarios e o ximnasio. A actuación vai encamiñada especialmente a reparar os danos ocasionados por un incendio xerado hai uns meses no interior do recinto.
O delegado salientou a importancia desta colaboración, xa que se trata dun espazo deportivo moi demandado, que en horario escolar é empregado polo alumnado do CEIP Celso Currás de Trabada e fóra desa franxa dá servizo ao resto da veciñanza.
Nova caldeira no CEIP
Villares tamén comprobou o resultado dos traballos executados este verán no colexio, situado ao carón do pavillón, onde a Xunta aproveitou o período non lectivo para cambiar a caldeira de gasóleo por outra nova.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP investiu 17.500 euros nesta renovación, dentro do Plan Ben_estar na Escola 2026. Este programa permite avanzar na modernización dos colexios e institutos da provincia con obras de pequena ou mediana envergadura, pero moi necesarias para o funcionamento diario dos centros.
Mellora doutros servizos
Por último, en relación co apoio da Xunta para seguir impulsando servizos municipais, Villares tamén explicou que o Goberno galego vén de aprobar unha achega de 26.600 euros ao Concello de Trabada para mellorar a rede de alumeado público nos núcleos da Igrexa, O Outeiro e A Pereira; e outra de 16.500 euros para adquirir unha desbrozadora e trituradora semilateral destinada a diferentes traballos municipais. Ambas se enmarcan no Fondo de Compensación Ambiental – liñas competitiva e non competitiva, respectivamente-.