A Xunta apoia ao Club Náutico Firrete na mellora e reparación do cerramento da súa sede en Pontedeume
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do presidente da entidade, supervisou esta mañá os traballos que se acometeron con cargo a unha axuda da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Lembrou que o Goberno galego mantén o compromiso coa dotación e mellora de instalacións deportivas nos Orzamentos de 2025 e destacou os 2,9 M€ consignados para a Cidade do Deporte de Ferrol
Pontedeume (A Coruña), 6 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as instalacións do Club Náutico Firrete de Pontedeume onde supervisou as obras de mellora e reparación do cerramento da súa sede que a entidade acometeu co apoio do Goberno galego.
Acompañada do presidente da entidade, Ramón Piñeiro, Aneiros coñeceu os pormenores do proxecto que se levou a cabo con cargo a unha axuda para a mellora de instalacións deportivas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. As obras consistiron na instalación de láminas de protección e eficiencia enerxética nas ventás do edificio e na impermeabilización e pintado exterior da fachada. O importe da achega ascendeu a 15.673 euros.
A delegada territorial destacou a implicación do Goberno galego coa dotación de instalacións que permitan aos deportistas adestrar e competir en condición idóneas e para o que a Xunta leva investido este ano máis de 22 M€.
Un compromiso que lembrou, se mantén nos Orzamentos de 2025 con 14,4 M€ consignados para proxectos de infraestruturas deportivas, entre os que destacou os 2,9 M€ para a Cidade do Deporte de Ferrol. “Manterase tamén o apoio ao tecido deportivo con 8,2 M€, o que inclúe 5 M€ para convenios coas federacións, 2M€ aos núcleos de adestramento deportivo (NADE) e 1M€ a equipamento para os clubs deportivos”, indicou.