A Xunta instala unha nova cuberta no patio do CEIP Manuel Cordo Boullosa
As obras foron posibles grazas a unha achega de preto de 23.000 euros
Nos últimos dez anos leváronse a cabo actuacións por valor de 200.000 euros neste centro
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica suporá un investimento nos centros educativos da provincia de Pontevedra de case 100 millóns de euros
Ponte Caldelas, 7 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, xunto ao director territorial de Educación, Cesar Pérez, esta mañá o CEIP Manuel Cordo Boullosa, no concello de Ponte Caldelas, onde a Xunta instalou unha nova cuberta no patio exterior do centro.
Esta actuación contou cun orzamento de preto de 23.000 euros e permitiu substituír a antiga cuberta, que se topaba en mal estado e que tiña algunhas filtracións. Así, auméntase a comodidade dos nenos e nenas que cada día acceden ao patio CEIP e que agora estarán máis protexidos das inclemencias do tempo. Trátase dunha cuberta de placas de policarbonato de 30 mm, resistentes ao xeo e translúcidas.
Neste sentido, o delegado territorial mostrouse moi satisfeito co resultado da obra e lembrou que “a Xunta ten como prioridade o benestar de todos os nenos e nenas, así como dos docentes que cada día fan unha labor tan necesaria nos centros escolares de toda Galicia”.
Cabe destacar que nos últimos dez anos realizáronse reformas e melloras neste centro por valor de preto de 200.000 euros. Algunhas desas obras encádranse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, unha iniciativa que entre o ano 2021 e o 2024 permite levar a cabo case 2.700 obras en centros educativos de todo o territorio galego, mobilizando máis de 278 millóns de euros.
Na provincia de Pontevedra este Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica permitiu realizar un total de 613 obras, entre 132 grandes obras cun investimento de 63,2 millóns de euros; 460 obras pequenas e medianas por valor de 14,2 millóns de euros; e 21 instalacións fotovoltaicas que supuxeron un investimento de máis de medio millón de euros. A maiores, hai 21 actuacións comprometidas que aumentarán en case 22 millóns de euros o investido neste plan na provincia de Pontevedra.