O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou a Ferretería Gallega e o obradoiro artesán Coiro Tres Pés
A Xunta salienta en Pontevedra o seu apoio á continuidade do comercio e da artesanía con programas de relevo xeracional como o Bono Remuda
José González puxo en valor a traxectoria histórica de Ferretería Gallega e o seu modelo de atención personalizada, subliñando a asesoría e apoio económico que o Goberno galego ofrece a negocios deste perfil cando afrontan procesos de remuda
Tamén destacou a nova etapa de Coiro Tres Pés, adherido a Artesanía de Galicia, tras asumir o relevo dun negocio de coiro na rúa Cruz Vermella e salientou pezas como ‘Nemein’, realizada xunto a Alberto Lisa e galardoada nos premios Artesanía de Galicia
Para seguir reforzando o comercio e a artesanía, detallou medidas como as axudas para a innovación e modernización de ambos sectores ou iniciativas novidosas como a formación de aprendices en oficios artesanais (1 M€)
Salientou o impacto dos Bonos Activa Comercio e convidou aos negocios a adherirse para poder participar nas edicións que se desenvolvan en 2026, con prazo aberto actualmente, como paso previo antes da súa activación á cidadanía en vindeiros meses
Cualificou ambos negocios como expoñentes do emprendemento ligado ao territorio, un eixe que se seguirá impulsando mediante novas estratexias e o reforzo da Rede de polos de emprendemento
Pontevedra, 31 de marzo de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, estivo hoxe en Pontevedra onde visitou primeiro a Ferretería Gallega, establecemento histórico do comercio tradicional da cidade, e deseguido o obradoiro artesán Coiro Tres Pés. González aproveitou para poñer ambos proxectos como exemplos do potencial do comercio de proximidade e da artesanía para dinamizar a economía local e reforzar a fixación de poboación.
En primeiro lugar, os representantes autonómicos achegáronse á Ferretería Gallega, negocio familiar aberto desde 1946 e actualmente rexentado polos curmás Miguel e Benito Araújo. O conselleiro salientou a súa traxectoria de case oito décadas, que a converteu nun referente á hora de atopar solucións e pezas difíciles de localizar. Destacou tamén o papel da ferretería como baluarte dun modelo de atención personalizada sustentado no coñecemento profundo do oficio. Ademais, trasladou o apoio da Xunta a negocios deste tipo, fundamentais no territorio, especialmente aqueles que afrontan procesos de remuda xeracional fóra do ámbito familiar. Neste sentido, referiuse ao Bono Remuda (1,5M€), incluído na orde unificada de axudas para persoas autónomas, que ofrece apoio tanto a quen asume o relevo como a quen traspasa o negocio por xubilación. Este impulso económico complétase co asesoramento gratuíto da Rede de polos —con tres oficinas na provincia, en Vilanova de Arousa, Silleda e O Porriño— que acompañan estes procesos e dispoñen dun escaparate para visibilizar negocios en busca de traspaso.
Precisamente o segundo dos establecementos visitados, o obradoiro Coiro Tres Pés, de Jonatan Sarachaga, foi asesorado no marco da Rede e vén de estrear nova etapa na rúa Cruz Vermella tras solicitar unha axuda do Bono Remuda para asumir o relevo da tenda Don Coiro. O conselleiro puxo en valor a traxectoria innovadora deste taller, adherido a Artesanía de Galicia, que combina técnicas tradicionais e deseño contemporáneo na creación de bolsos, carteiras, cintos e outros complementos de coiro. Destacou especialmente a peza colaborativa ‘Nemein’, realizada xunto con Alberto Lista —obradoiro de cerámica de Buño— e galardoada nos Premios Artesanía de Galicia 2025. Trátase dun xogo de té que integra cerámica e coiro e exemplifica a capacidade da artesanía galega para adaptarse a novos contextos, usos e funcionalidades.
Compromiso coa artesanía e co comercio
Aproveitando as visitas, o titular de Emprego fixo fincapé nas medidas impulsadas este ano no marco do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, como as axudas dotadas con case 4 M€ a prol da dixitalización e innovación, da modernización, da mellora da imaxe e da eficiencia e sostibilidade ambiental tanto no comercio como na artesanía. Tamén mencionou o impacto dos Bonos Activa Comercio, salientando que os negocios que así o desexen xa poden inscribirse para participar nas edicións que se desenvolvan en 2026. Este é o paso previo antes da súa activación á cidadanía nos vindeiros meses.
Ademais, salientou o impulso da formación para avanzar na profesionalización con iniciativas novas como 1 M€ para a formación de aprendices en oficios artesanais. No campo artesanal aludiu a proxectos como Artesanía no Prato, con accións que seguirán desenvolvéndose dentro e fóra de Galicia para conectar artesanía e gastronomía como a recente participación con este proxecto na Expo UMEGAL, organizada pola Unión Mexicana de Empresarios Gallegos en Cidade de México.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración concluíu cualificando ambos negocios como perfectos exemplos de emprendemento ligado ao territorio, un eixe fundamental que se impulsará desde a Xunta mediante novas estratexias e o reforzo da Rede de polos de emprendemento.