Román Rodríguez salienta o compromiso da Xunta coas familias con 27 M€ para libros e material escolar, que acada máis de 313.000 apoios este curso
O conselleiro de Educación visita o Colexio Lamas de Abade, onde estes días se reparten os manuais do Fondo solidario aos estudantes
Subliña que estes apoios, que creceron nos últimos cursos, son un piar esencial para blindar a equidade e a igualdade de oportunidades no ensino
Estas axudas forman parte dun amplo paquete de medidas no que o Goberno galego inviste neste curso máis de 145 M€
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salientou hoxe o compromiso da Xunta coas familias galegas neste inicio de curso que, tan só en materia de libros de texto e material escolar, se reflicte nun investimento de 27M€ e un alcance de 313.000 apoios neste eido. Así o expuxo esta mañá durante unha visita ao colexio compostelán Lamas de Abade, onde estes días se están entregando os manuais ás familias.
O titular de Educación reiterou que estes apoios son “un piar da equidade e a igualdade de oportunidades”, no marco dun contexto de gratuidade xeral na educación galega desde a escola infantil ata a Universidade.
Precisamente, xunto co servizo complementario de comedor, ao que Educación destina case 67 M€, as liñas de axuda con maior impacto e alcance para as familias son as dos manuais e o material escolar. Concretamente, o Fondo de libros para o préstamo dos manuais que se poden reutilizar, xunto cos recursos gratuítos do programa E-Dixgal e os vales para a adquisición de material escolar supoñen un orzamento público de preto de 15M€ e máis de 233.000 axudas. As axudas á compra de libros, naqueles cursos que non se poden reutilizar, acadan os preto de 20.000 beneficiarios e un investimento de 5,7M€.
A isto súmase unha medida pioneira que se implantou por primeira vez o curso pasado, que son as desgravacións fiscais para aquelas familias que quedan fóra das dúas liñas anteriores por criterios de renda. Neste caso son uns 60.000 beneficiarios dunha medida que supón 6,3M€ de investimento por parte da Xunta de Galicia.
Estas accións forman parte dun amplo paquete de apoio ás familias que se completa con outras medidas como as accións para mellorar as competencias en linguas estranxeiras do estudantado a través do programa Galemundo, os premios extraordinarios ao esforzo e á excelencia, a matrícula gratuíta nas universidades ou a innovación na FP. Entre outras, conforman un mapa de apoio de máis de 145 M€, case un 10% máis con respecto ao orzamento do curso anterior.
Melloras continuas
O conselleiro lembrou que desde 2022 se produciron constantes melloras no catálogo de axudas e apoios ás familias e estudantes que implicaron un investimento de máis de 140 millóns e permitiron ampliar en 129.000 os beneficiarios ata a actualidade.
De feito, no curso 2022/23 incrementouse o importe do vale para que as familias merquen material escolar de 50 a 75€ e ao ano seguinte ampliouse a outro tramo de renda, creando un novo cheque de 60€, á vez que se subían as axudas para a compra de libros en ata un 25%. No curso 2024/25 púxose en marcha a matrícula gratuíta na Universidade e nas Ensinanzas Artísticas Superiores, unha medida pioneira en España, e no 2025/26 a desgravación fiscal pola compra de libros e material escolar para as familias que non podían acollerse ás convocatorias xa existentes por renda.
Neste ano 2026 púxose en marcha unha nova liña de axudas de 150€ para as familias que empregan comedores xestionados por Anpas, Concellos ou centros concertados, que se ampliará no curso 2026/27 cunha segunda liña con 100 € para familias con rendas per cápita de entre 6.000 a 10.000 €.
Novo profesorado nos centros
Previamente á visita ao Colexio Lamas de Abade, o conselleiro participou na segunda xornada de benvida aos 1.012 novos profesores que se incorporan ás aulas este curso. Logo do encontro de onte para os 401 mestres de Educación Infantil e Primaria que superaron o proceso na quenda de ingreso, hoxe o conselleiro saudou aos 573 profesores de Ensino Secundario e os 38 de sectores singulares da FP.
Román Rodríguez aproveitou para animalos a traballar “con entusiasmo e profesionalidade” para continuar consolidando o ensino galego como un exemplo de calidade, igualdade e innovación.