A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa en Tenerife nunha xornada sobre innovación pública organizada polo Goberno de Canarias
Galicia expón en Canarias o seu modelo de éxito en compra pública innovadora e I+D+i local
O impulso á innovación desde a contratación pública e a innovación local xogan un papel destacado no actual Plan galego de I+D+i 2025-2027, que as identifica como iniciativas de alto impacto
Santa Cruz de Tenerife, 3 de setembro de 2026
A directora da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Carmen Cotelo, participou esta tarde na sesión “Innovación Pública de Proximidad: cómo llevar la cultura de la innovación a lo local. El caso de Galicia” no marco do encontro “Gobernar el futuro. Innovación Pública, transformación territorial y sostenibilidad frente a los desafíos complejos” organizado polo Goberno de Canarias. A directora da axencia autonómica expuxo a experiencia da nosa Comunidade no emprego da Compra Pública de Innovación como ferramenta de modernización dos servizos públicos e de dinamización da innovación, unha materia na que Galicia foi pioneira e segue sendo líder a nivel estatal.
En concreto, Cotelo expuxo a estratexia da Xunta de Galicia para impulsar a modernización das entidades locais a través da innovación. “Para facer fronte aos retos cada vez máis complexos aos que se enfrontan as administracións locais, faise preciso identificar a tempo as necesidades e artellar novas solucións que teñan impacto real na cidadanía”, apuntou. Neste senso, a Xunta de Galicia está a impulsar un proceso colaborativo para promover un novo modelo de colaboración que active todo o potencial das entidades locais.
Este proceso aberto, para identificar desafíos e cocrear solucións innovadoras adaptadas ao territorio, plasmarase nun Plan Local de I+D+i, como instrumento estratéxico que permita ordenar, regularizar e estandarizar a innovación nos concellos. “Con este Plan búscase dotar ás entidades locais dun conxunto amplo de ferramentas para crear solucións innovadoras propias, xerar coñecemento útil e desenvolver iniciativas que os consoliden como territorios innovadores, sustentables e atractivos para as persoas e as empresas”, sinalou a directora da Axencia Galega de Innovación.