A Xunta apoia un proxecto innovador en medicamentos personalizados a través de impresión 3D
FABRX AI é unha das 15 beneficiarias da última convocatoria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP de doutoramentos Industriais, cunha axuda de 135.000€ para un proxecto en colaboración coa Universidade de Santiago (USC)
Grazas a esta axuda, o investigador Daniel Grandal realizará a súa tese doutoral nesta empresa, especializada en tecnoloxías de impresión 3D aplicadas ao ámbito farmacéutico
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou que esta compañía é un exemplo da capacidade de transformar o coñecemento científico en tecnoloxía con aplicación ao mercado
A Consellería destina máis de 2,5 M€ nesta convocatoria de 2026 á contratación de 15 doutorandos: 12 desenvolverán a súa tese en empresas e tres en centros de innovación e tecnoloxía
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia destaca o impacto dos doutoramentos industriais na capacidade das empresas para levar a cabo proxectos inovadores e punteiros no seu sector. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou hoxe as instalacións de produción de FABRX Artificial Intelligence en Santiago de Compostela, onde coñeceu os avances da compañía no desenvolvemento de tecnoloxías para a fabricación de medicamentos personalizados mediante impresión 3D. Este proxecto lévase a cabo coa achega do investigador Daniel Grandal, que realizará a súa tese nesta empresa, unha das 15 entidades beneficiarias das axudas do Goberno galego para a contratación de doutorandos industriais na convocatoria de 2026.
Carmen Cotelo destacou a traxectoria desta compañía galega como exemplo do potencial da colaboración entre universidade e empresa para transformar o coñecemento científico en tecnoloxía con aplicación no mercado e, neste caso, contribuír ao avance cara unha medicina cada vez máis personalizada.
FABRX AI vén de recibir unha axuda de 135.000 euros na resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) para desenvolver, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), o proxecto de doutoramento industrial do investigador Daniel Grandal, e avanzar así na actividade investigadora que esta compañía vén desenvolvendo nos últimos anos no ámbito da impresión 3D farmacéutica.
A tese de Grandal González, graduado en Bioloxía pola USC, está codirixida pola catedrática e directora do Instituto de Materiais (IMATUS), Carmen Álvarez Lorenzo, que hoxe acompañou a Cotelo na visita á empresa, e por Álvaro Goyanes Goyanes.
A Xunta destina nesta convocatoria de 2026 máis de 2,5 M€ a 15 novas axudas para a formación de doutores e doutoras das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en empresas e centros de innovación e tecnoloxía, consolidando así un programa estratéxico para impulsar a transferencia de coñecemento entre universidade e tecido produtivo. As axudas permitirán que 12 investigadores, como é o caso de Daniel Grandal, desenvolvan a súa tese en empresas e outros tres en centros tecnolóxicos. Os contratos teñen como data de inicio o 1 de setembro de 2026.
Impresoras 3D en hospitais e farmacias
O proxecto de FABRX AI, denominado 3DMED-Impresión 3D de fármacos personalizados: implementación clínica, ten como obxectivo avanzar na implantación de impresoras 3D en hospitais e farmacias para facilitar a produción personalizada de medicamentos no propio punto de dispensación. Esta iniciativa pretende achegar a medicina personalizada á práctica clínica e avanzar cara un modelo no que sexa posible producir tratamentos de maneira automatizada e individualizada en función das necesidades de cada paciente.
A compañía xa resultara beneficiaria na convocatoria de 2023 das axudas a doutoramentos industriais, na que obtivo 94.000 euros para incorporar á investigadora Xela Rodríguez Maciñeiras, graduada em Farmacia, nun proxecto centrado tamén na impresión 3D de medicamentos. FABRX AI xa colaborou con hospitais de distintos países e a súa tecnoloxía foi empregada en ensaios clínicos, entre eles un desenvolvido no Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Un total de 12,7 M€ e 91 teses
O programa de Doutoramentos Industriais ten como finalidade impulsar a formación de persoal investigador mediante o desenvolvemento de teses de doutoramento vinculadas a proxectos de I+D+i de interese para empresas e centros de innovación e tecnoloxía, sempre en colaboración cunha universidade do Sistema Universitario de Galicia. Os estudantes de doutoramento compatibilizan a realización da súa tese coa actividade profesional nas empresas e centros innovadores e tecnolóxicos participando así, coa súa investigación, na resolución de retos de interese para o tecido produtivo galego.
As axudas financian tanto os custos de contratación das persoas investigadoras como outros gastos asociados ao desenvolvemento dos proxectos, incluíndo actuacións que favorecen a colaboración entre universidades e empresas e a mobilidade internacional.
Coa resolución desta convocatoria, o programa alcanza un investimento acumulado de preto de 12,7 M€. Nas seis convocatorias, a Xunta favoreceu a contratación de 91 estudantes de doutoramento.