A Xunta amplía a 75 centros educativos e a 26.000 escolares o programa piloto de vacinación fronte á gripe tras acadar unha cobertura do 51 %

Rueda resalta que preto de 10.000 escolares de 55 centros educativos participaron no programa piloto de vacinación que se puxo en marcha o pasado curso

Os resultados amosan unha maior aceptación da vacinación no ámbito escolar entre os nenos e nenas de 5 a 11 anos

Galicia foi pioneira en ampliar en 2025 a vacinación antigripal infantil ata os 11 anos

A vacinación nos centros escolares ten entre os seus obxectivos facilitar a protección sanitaria da infancia e facilitar a conciliación familiar

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno vai aumentar progresivamente a vacinación fronte á gripe nos centros escolares ata chegar aos 75 colexios – 20 máis- na vindeira campaña e a unha poboación diana de “26.000 alumnos”.

O proxecto piloto de vacinación nos centros escolares, que se puxo en marcha o pasado curso, é unha iniciativa conxunta das Consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que busca consolidar a posición de Galicia como referente en materia de saúde pública e prevención. “Ademais, vacinar nos centros escolares facilita a conciliación familiar xa que evita que os pais teñan que pedir un permiso laboral para acudir ao centro de saúde”, indicou.

Rueda lembrou que nesta primeira experiencia participaron 55 centros escolares, cunha mostra de 18.966 alumnos de entre 3 e 11 anos. Da poboación diana, 9.668 alumnos recibiron a vacina fronte á gripe, o que supón unha cobertura vacinal do 50,98 %, taxa moi similar á rexistrada nos puntos habituais de vacinación dos centros de saúde, onde o mesmo grupo de idade tivo unha taxa de participación de 50,7 %.

A análise por grupos de idade amosa que os máis novos, os nados en 2021 e 2022, presentan maiores coberturas nos puntos habituais de vacinación -centros de saúde, hospitais e consultas-, con taxas do 58,57 % e do 54,14 %, respectivamente. A partir dos cinco anos, a vacinación realizada no ámbito escolar adquire un maior peso, superando a taxa de cobertura dos puntos de vacinación.

Esta diferenza entre ambos grupos pode relacionarse co contacto máis estreito das familias dos nenos e nenas de menor idade co sistema sanitario a través do calendario de vacinación infantil, o que facilita que unha maior proporción das vacinacións se realice nos centros de saúde.

O programa piloto de vacinación en centros escolares desenvolveuse en centros representativos de concellos urbanos, semiurbanos e rurais. Nas sete cidades galegas rexistrouse unha maior cobertura de vacinación escolar, cunha media de 54,77 %.

Por áreas sanitarias, a de Santiago de Compostela e Barbanza acadou a maior participación, cun 58,27 %; seguida de Vigo, cun 54,77 %; Ferrol, cun 50,70 %; A Coruña e Cee, cun 49,96 %; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, cun 47,73 %; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, cun 46,83 %; e Pontevedra e O Salnés, cun 45,53 %.

Para a próxima campaña, a ampliación do programa distribuirase entre as sete áreas sanitarias. Deste xeito, a área da Coruña e Cee sumará 3 centros, ata acadar 12; Ferrol incorporará 2, ata 4; Santiago de Compostela e Barbanza engadirá 3, ata 14; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 3, ata 12; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 3, ata 13; Pontevedra e O Salnés, 3, ata 9; e Vigo, 3, sumando 11 centros educativos.

Este proxecto piloto ten como obxectivo reforzar a protección da poboación infantil fronte á gripe, diminuír as complicacións asociadas á enfermidade e reducir as hospitalizacións, as infeccións bacterianas secundarias e o consumo de antibióticos. Ao tempo, contribúe a aliviar a presión asistencial do sistema sanitario e reforza as políticas de prevención e promoción da saúde entre a poboación máis nova. Rueda lembrou que a Xunta optará pola “vacina vía intranasal, máis cómoda e menos invasiva para os rapaces e que, polo tanto, ten mais aceptación”.

Os resultados considéranse favorables nesta primeira fase de implantación, polo que se acordou ampliar progresivamente o programa a 75 centros educativos para seguir avaliando a súa aplicación e obter unha evidencia máis sólida que permita valorar a súa posible extensión ao conxunto de Galicia.

Galicia lidera en prevención e inmunización

Galicia conta co calendario de inmunización máis amplo e completo de España, con elevadas coberturas nas principais inmunizacións ao longo de todas as etapas da vida. Un exemplo é a vacinación fronte á gripe entre as persoas de 80 ou máis anos, que acadou unha cobertura do 81,22 % na última campaña.

Rueda resaltou que en 2025 a comunidade galega converteuse na primeira comunidade autónoma en ampliar a vacinación antigripal infantil ata os 11 anos de idade, incorporando a administración intranasal da vacina como opción preferente para a poboación infantil, unha medida orientada a facilitar a vacinación e incrementar a súa aceptación entre os menores e as súas familias.

Así mesmo, Galicia foi pioneira coa ampliación da protección fronte ao meningococo B coa incorporación ao calendario de vacinación dunha dose de reforzo aos 12 anos, que comezou a administrarse o pasado mes de maio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2026