Gómez Caamaño destaca os premios Zendal como mostra da alta calidade científica e do impacto social da investigación sanitaria na Península Ibérica

A corporación biofarmacéutica recoñeceu a traxectoria profesional da doutora Marisol Soengas polas súas achegas á investigación do cancro de pel

O Premio Saúde humana recae no Centro de Enxeñería Biolóxica da Universidade de Braga polos seus estudos sobre o Alzheimer, mentres que o Premio Saúde animal foi para o Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos polo desenvolvemento de vacinas contra as carrachas no gando vacún

A organización sen ánimo de lucro (DNDI) recibe o accésit de sostibilidade polas súas investigacións destinadas ao tratamento de enfermidades desatendidas

Vigo, 7 de novembro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe os Premios Zendal como mostra da alta calidade e do forte impacto social que ten a investigación médica que se practica na Península Ibérica.

O titular da carteira sanitaria galega participou esta tarde en Vigo no acto de entrega dos V Premios Zendal de Saúde e Ciencia, onde destacou o compromiso do grupo biofarmacéutico no estímulo da actividade investigadora desde unha perspectiva integral e conectada coa sociedade.

Así, Gómez Caamaño sinalou que a saúde humana, animal e ambiental son manifestacións dunha única realidade, unha única saúde, que debe abordarse conxuntamente a través da perspectiva ‘One Health’.

Acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva, o titular de Sanidade recoñeceu o gran labor do grupo Zendal no impulso da investigación sanitaria e biotecnolóxica, á hora de afrontar os retos que presentan hoxe en día a saúde humana, animal e ambiental. Ademais, puxo en valor a notable aposta do grupo por estimular a investigación médica e biotecnolóxica.

Nesta quinta edición dos Premios Zendal, o galardón na categoría Premio Saúde Humana foi para o Proxecto Hércules do Centro de Enxeñería Biolóxica-Universidad de Braga (Portugal). Un traballo no que se propón o emprego dos bacteriófagos para combater a enfermidade do Alzheimer.

Pola súa banda, o Premio Saúde Animal recaeu no Grupo de Investigación en Sanidade e Biotecnoloxía do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos, polo seu traballo no desenvolvemento de vacinas contra as carrachas no gando vacún.

Recoñecemento a traxectoria de Marisol Soengas

Na presente edición, o xurado dos Premios Zendal decidiu outorgar o galardón homenaxe á bióloga e presidenta da Asociación Española de Investigación Contra o Cancro, Marisol Soengas, en recoñecendo á súa traxectoria profesional e ás súas continuas achegas realizadas na abordaxe do cancro de pel.

Así, Gómez Caamaño destacou dun xeito especial o traballo realizado pola doutora Soengas, “sen dúbida, unha das investigadoras galegas máis destacadas da nosa historia”, remarcou o conselleiro, en alusión ao cambio de paradigma que supuxeron as súas investigacións sobre as vías de diseminación das células tumorais do melanoma, no estudo da metástase deste tipo de cancro.

Por último, a corporación biofarmacéutica recoñeceu cun accésit de sostibilidade á organización sen ánimo de lucro (DNDI) polos seus estudos para desenvolver medicamentos destinados ao tratamento de enfermidades tropicais e virais desatendidas en contextos poboacionais desfavorecidos.

Os International Zendal Awards teñen como obxectivo difundir, impulsar e premiar  o coñecemento e a investigación no campo da biotecnoloxía a nivel mundial.

Creándose  con vocación de recoñecer o traballo persoas e de institucións, públicas ou privadas, que desenvolven o seu labor no campo da saúde, tanto humana como animal, e que teñan demostrado mérito e compromiso no seu desempeño, relacionado coas vacinas, os medicamentos e as terapias, a prevención, a biotecnoloxía, a medicina e o concepto One Health.

Data de actualización: 07/11/2024