O novo centro de saúde de Moaña realizou máis de 17.500 actos asistenciais no seu primeiro mes de funcionamento
Neste mes realizáronse un total de 17.158 consultas programadas, entre as que destacan as 8.432 de medicina de familia, 5.598 de enfermería, 912 de fisioterapia, 866 de pediatría e 314 coa matrona
Os servizos de urxencias rexistraron 422 asistencias en horario de tarde
A ambulancia de soporte vital avanzado, con base en Moaña, efectuou 98 mobilizacións neste mes no que se ampliou o seu horario as 24 horas, rexistrándose só 13 asistencias en horario de 00 a 08,59 horas e 10 entre as 21 e as 12 horas
A Xunta investiu unha partida de 9,6 M€ na construción e dotación de equipamento deste novo centro de saúde
Moaña (Pontevedra), 17 de xullo de 2026
O novo centro de saúde de Moaña acolleu un total de 17.580 actos asistencias durante o seu primeiro mes de funcionamento, entre a actividade programada de consultas e a atención de urxencias en horario de tarde durante a semana.
Entre a actividade asistencial ordinaria prestada, un total de 17.158 consultas, destacan as 8.432 consultas de medicina de familia; as 5.598 de enfermería; 912 de fisioterapia; 866 de pediatría ou as 314 coa matrona, que se suman ás consultas de odontoloxía (295) hixiene bucodental (256), nutrición (87), traballo social (196), farmacia (33) e función administrativa (169).
No ámbito da atención urxente, a actividade na quenda de tarde, para o que se dotou o novo centro de saúde de médico e enfermeira, rexistrou un total de 422 asistencias desde a súa posta en marcha o pasado 15 de xuño.
Pola súa banda, a ambulancia de soporte vital avanzado con base en Moaña efectuou 98 mobilizacións neste mesmo período no que se ampliou o seu horario as 24 horas os 7 días da semana. Na franxa horaria de 00 a 08,59 horas, rexistráronse só 13 asistencias, mentres que na franxa entre as 21 e as 00 horas producíronse 10 mobilizacións.
Do total de asistencias da ambulancia de soporte vital avanzado, 55 corresponderon a pacientes do propio municipio, mentres que o resto de desprazamentos se distribuíron principalmente entre Cangas e outras localidades da contorna. Os motivos de asistencia máis frecuentes foron as alteracións do nivel de consciencia, con 17 intervencións; os cadros de dor, con 14; e os accidentes de tráfico, con 11.
Investimento de 9,6 millóns de euros
A posta en funcionamento do novo Centro de Saúde de Moaña supuxo o maior investimento sanitario realizado pola Xunta no municipio, cun total de 9,6 millóns de euros destinados á súa construción e equipamento.Os 3.000 metros cadrados cos que contan as novas instalacións, triplican a superficie do anterior centro de saúde e permiten concentrar nun único edificio unha ampla carteira de servizos asistenciais.
O centro conta con oito consultas de medicina xeral e oito de enfermería. Tamén dispón de dúas consultas de pediatría e dúas de enfermería pediátrica, así como área da muller e outra para o persoal.
Dispón de servizo de saúde bucodental, cunha consulta de odontoloxía e outra de hixienista; e fisioterapia, cunha consulta, área de recuperación de solo pelviano e sala de rehabilitación con catro cabinas, que co seu traslado ao novo centro de saúde ofrece tamén servizos polas tardes.
Ademais o centro dispón de consulta de psicoloxía de atención primaria, no marco da rede de psicoloxía de primaria posta en marcha pola Xunta.
O centro garante atención urxente á poboación os sete días da semana as 24 horas do día, ao contar cun facultativo e cunha enfermeira que atenden as consultas urxentes da veciñanza de Moaña polas tardes e ata as dez da noite e dispoñer de horario ampliado da ambulancia de soporte vital avanzado de enfermería, pasado de operar 12 horas a 24 horas.