A Consellería de Sanidade acolleu esta mañá a xornada Cara ao fin da VIH, que foi clausurada pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán
Galicia avanza cara a eliminación da VIH como problema de saúde pública coa próxima posta en marcha dun cribado para súa detección precoz
A Consellería de Sanidade fará un cribado de VIH nos tramos de idade de maior incidencia, tanto en atención primaria como hospitalaria
O Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030 incide no diagnóstico precoz, na promoción da saúde e na equidade para eliminar posibles barreiras de acceso a tratamentos ou medidas preventivas
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026
A Consellería de Sanidade acolleu esta mañá a xornada Cara ao fin do VIH, obxectivos ONUSIDA e as novas estratexias de prevención en Galicia na que participaron diferentes expertos na materia. Durante a clausura, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, destacou que este ano a Xunta porá en marcha un cribado oportunista de VIH para traballar na eliminación deste virus como problema de saúde pública en 2030.
O Plan galego de infeccións de transmisión sexual 2026-2030 aprobado pola Xunta inclúe, de forma innovadora, a realización de cribados oportunistas de VIH e hepatite B e C, así como outras infeccións de transmisión sexual como a gonorrea.
Concretamente, a Consellería de Sanidade proximamente comezará a realizar un cribado oportunista de VIH nos tramos de idade de maior incidencia, tanto en primaria como hospitalaria, e ampliarase o cribado oportunista de hepatite C ao grupo de 40 a 49 anos. Ademais, Sanidade incluirá o cribado oportunista de hepatite B.
Neste sentido, a directora xeral de Saúde Pública destacou o éxito da estratexia do seu departamento na redución da Hepatite C a través do citado cribado que xa ofrece a sanidade pública galega.