O conselleiro de Sanidade, acompañado polo director xeral de Integración e Innovación Asistencial e polo xerente da área sanitaria, visitou o Autobús do Cerebro no Hospital Lucus Augusti

Gómez Caamaño subliña que grazas ao Código Ictus Galicia ofrece unha mellor resposta sanitaria a preto de 2.000 casos de accidentes cerebro-vasculares ao ano

O titular de Sanidade detalla que o Código Ictus permite coordinar a resposta asistencial ante unha sospeita desta enfermidade e activar os recursos necesarios para que o paciente poida recibir canto antes o tratamento máis axeitado

Destaca as melloras da sanidade pública galega neste campo, coa extensión das unidades de ictus ou co reforzo da atención neurolóxica nos hospitais do Sergas

Incide nas importantes melloras postas en marcha nos últimos anos polo Hospital Universitario Lucus Augusti, que conta cunha unidade de ictus e coa primeira Neuroescola de Galicia

Subliña a importancia do labor de concienciación, posto que as enfermidades neurolóxicas teñen un impacto moi relevante sobre a saúde e a calidade de vida

Agradece á Sociedade Española de Neuroloxía o seu labor de divulgación e concienciación, e destaca o traballo dos equipos de Neuroloxía así como de todos os servizos que interveñen na atención destas patoloxías

Lugo, 2 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe que, grazas ao Código Ictus, Galicia ofrece unha mellor resposta sanitaria a preto de 2.000 casos de accidentes cerebro-vasculares ao ano.

O titular da carteira sanitaria, acompañado polo director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Sergas, Alfredo Silva, e polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, visitou hoxe no Hospital Lucus Augusti o Autobús do Cerebro, unha iniciativa da Sociedade Española de Neuroloxía no marco da Semana do Cerebro.

Gómez Caamaño explicou que o Código Ictus, en funcionamento desde 2016, permite coordinar a resposta asistencial ante unha sospeita desta enfermidade e activar os recursos necesarios para que o paciente poida recibir canto antes o tratamento máis axeitado.

Esta resposta que ofrece o sistema sanitario galego foi evolucionando coa incorporación de  novos recursos, coa extensión das unidades de ictus, dos tratamentos de reperfusión e da capacidade para realizar trombectomías, así como co reforzo da atención neurolóxica nos hospitais do Sergas.

Ao respecto deste tema, o conselleiro destacou os importantes paso dados nos últimos anos polo Hospital Universitario Lucus Augusti, que conta cunha unidade de ictus que permite ofrecer unha resposta máis rápida e máis próxima aos pacientes da súa área.

Engadido ao anterior, o Hospital Lucus Augusti conta cunha atención neurolóxica cada vez máis especializada, con consultas monográficas e proxectos innovadores como a primeira Neuroescola de Galicia.

Información personalizada

Tal e como detallou o conselleiro, o autobús que hoxe visitou permite que as persoas que se acheguen poidan recibir información personalizada e realizar probas para coñecer mellor a súa saúde cerebrovascular, ademais de recibir recomendacións para manter un cerebro san.

Para o máximo responsable do Sergas, este labor de concienciación é moi importante, posto que as enfermidades neurolóxicas teñen un impacto moi relevante sobre a saúde e a calidade de vida.

Tamén incidiu na importancia da prevención, xa que ata o 90 % dos ictus están relacionados con factores de risco modificables. Así mesmo, unha parte relevante das demencias e dos casos de epilepsia poderían previrse ou atrasarse actuando sobre estes factores.

Ao respecto, o conselleiro citou como hábitos que tamén son saúde, a realización de exercicio, o control da tensión arterial e da diabetes, o mantemento dunha alimentación equilibrada, coidar o sono e, ademais, evitar o tabaco e o alcohol.

Xunto coa prevención, Gómez Caamaño dixo que, desde a sanidade pública, debe garantirse unha resposta rápida, coordinada e especializada cando aparece unha enfermidade neurolóxica.

O conselleiro referiu que iniciativas como a que hoxe visitou son unha boa oportunidade para incidir na importancia de que a cidadanía coide a súa saúde cerebral, e resaltou o feito de contar cun sistema como o galego preparado para responder cando aparece a enfermidade.

Para rematar a súa intervención, agradeceu á Sociedade Española de Neuroloxía o seu labor de divulgación e concienciación, e destacou o traballo dos equipos de Neuroloxía e de todos os servizos que interveñen na atención destas patoloxías, tanto na prevención como no diagnóstico, no tratamento e no seguimento dos pacientes.

Data de actualización: 02/10/2026