A Xunta investirá en 2025 máis de 5,6M€ en actuacións de eficiencia enerxética en case unha decena de xulgados da comunidade

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou hoxe o edificio de xulgado de Caldas de Reis onde precisamente se levarán a cabo traballos por importe de 400.000 euros o próximo ano na renovación da iluminación, da climatización ou do illamento

Diego Calvo comprobou outros traballos realizados o pasado verán por valor de 62.000 euros en actuacións na salas de vistas e de declaracións

Caldas de Reis (Pontevedra), 7 de novembro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou esta mañá xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, os xulgados de Caldas de Reis, onde se levaron a cabo melloras nas salas de vistas e de declaracións.

Durante a visita aproveitou para anunciar a licitación o próximo ano por case 400.000 euros de actuacións de eficiencia enerxética neste edificio xudicial, que acolle dous xulgados de Primeira Instancia e Instrución e o Rexistro Civil. Os traballos incluirán a renovación da iluminación con luces LED, un novo sistema de climatización de aerotermia, recuperadores de calor, novas fiestras, mellor illamento das fachadas e colocación dunha instalación fotovoltaica.

As obras enmárcanse nos proxectos deste tipo en case unha decena de instalacións xudiciais por importe de 5,6 millóns de euros. Ademais das actuacións en Caldas de Reis prevense melloras de eficiencia enerxética na Coruña, Ferrol, Monforte de Lemos, Vilalba, Viveiro, O Porriño, O Carballiño e Corcubión.

Diego Calvo destacou a aposta da Xunta por unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles para que, de maneira progresiva, os edificios e xudiciais respondan á súa función, sendo máis seguros, accesibles, sostibles, funcionais e confortables. Así,  contribúese a ofrecer “un servizo de calidade á cidadanía nunhas instalacións confortables tanto para as persoas usuarias como para os profesionais da administración de xustiza”.

Do mesmo xeito, o Goberno galego aposta pola dixitalización da xustiza e cumpriu co obxectivo marcado de contar coas máis de 200 salas de vistas da comunidade totalmente equipadas para celebrar procedementos de forma electrónica. De feito, a media mensual de gravacións neste ano supera as 10.000, case un 30% por riba das de 2023.

A iniciativa englobase no III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, cun investimento de 43 millóns de euros en cinco anos, un 68% máis respecto do investimento dos dous plans anteriores.

Xunto coas salas de vistas, os xulgados da comunidade dispoñen de máis dun cento de salas de declaracións, de conciliación e Gesell. Estas últimas ofrecen a menores e outras persoas especialmente vulnerables espazos humanizados onde sentirse seguros e cómodos cando teñen que tomar declaración ou someterse a probas.

O conselleiro de Presidencia comprobou hoxe as obras realizadas en verán tanto na sala de vistas, onde se substituíu o pavimento e outros elementos ademais de colocarse novos estores, como na sala de declaracións, que conta con novo equipamento informático. En ambos espazos tamén se renovou o mobiliario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2024