A Xunta pon en valor as microformacións para o emprego en marcha que buscan reforzar o sector das enerxías renovables na comarca de Ferrolterra

Fene (A Coruña), 8 de novembro de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta mañá o centro formativo Windar Renovables, no que se levan a cabo accións apoiadas pola Xunta. Poñendo de relevo a aposta do Goberno galego pola flexibilización da formación para o emprego co gallo de dotar as empresas exactamente dos perfís profesionais que precisan, salientou que neste centro se teñen realizado -ou se están a realizar- cursos sobre introdución á soldadura, para persoas operadoras de ponte guindastre, de prevención de riscos laborais ou de equipos de traballo en almacén.

A directora xeral -que previamente visitou a fábrica de monopiles para a cimentación de parques eólicos mariños de Navantia Fene, en compañía da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros- enmarcou as accións formativas desenvolvidas na colaboración 2024-2025 coa Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime) co gallo de avanzar na cualificación e recualificación da poboación activa en sectores estratéxicos. Engadiu que os orzamentos do ano que vén reflectirán este compromiso, con 4,8 millóns de euros consignados para un novo programa de microformacións en empresas que se completará con outras medidas para darlle un pulo á formación á carta para o tecido produtivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2024