Belén do Campo destaca que a comarca de Santiago contará con 8 plans integrados de emprego para mellorar as oportunidades laborais de 800 persoas desempregadas cun apoio de máis de 1,6M€
A representante do Goberno autonómico participou na clausura do PIE de Dodro, Padrón Rois, Valga, Catoira e Pontecesures no que se formaron a 100 alumnas e alumnos
A delegada da Xunta anunciou que estes concellos volverán a contar cun novo programa deste tipo cunha nova axuda de 220.000 euros
As persoas beneficiarias destes cursos reciben formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas
Dodro (A Coruña), 8 de novembro de 2024
A delegada da Xunta, Belén do Campo, clausurou, esta mañá, o Plan Integrado de Emprego de Dodro (PIE) 2023/2024, compartido con Padrón, Rois, Valga, Catoira e Pontecesures, que contou cun apoio da Xunta de 220.000 euros. Na súa intervención confirmou que estes concellos volverá a contar, este ano, co apoio de Xunta para organizar un novo programa deste tipo de carácter xeral grazas a unha nova axuda de 220.000 euros.
A delegada destacou que “con este curso os concellos integrantes, facilitaron aos participantes do programa, información, orientación e asesoramento para atopar un traballo, así como formación para o emprego, impartindo cursos encamiñados a dito fin, desde novas tecnoloxías, prevención de riscos laborais, ata formación máis específica para a adquisición de aptitudes profesionais en varias especialidades”.
Ademais, esta edición do PIE centrouse en aspectos con alta demanda de emprego como a manipulación de alimentos, xestión de recepción, técnicas administrativas, monitor de tempo libre, informática e sistemas e procesos loxísticos.
A representante do goberno autonómico apuntou que “o PIE é unha iniciativa na que colaboran os concellos, as entidades e a Xunta para mellorar a formación das persoas desempregadas e para darlle máis opcións para atopar un emprego a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas”.
PIE 2024/2025
Na súa intervención, Belén do Campo informou que “no programa PIE 2024-2025 na área de Santiago se realizarán oito programas, 3 nos concellos de Dodro compartido con Padrón, Rois, Valga, Catoira e Pontecesures; Santiago e Ames, compartido con Brión, e 5 nas entidades Asociación de Empresarios e Profesionais do Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES), Fundación Laboral da Construción, Asociación Empresarial do Tambre e UGT Servizos Públicos de Galicia. En total, a Xunta de Galicia investirá nesta comarca máis de 1,6 millóns de euros nestas iniciativas para formar arredor de 800 persoas desempregadas.
No caso concreto da provincia da Coruña, están previstos 20 programas, 10 en concellos e 10 en entidades sen ánimo de lucro. Isto é posible grazas á ampliación do orzamento desta convocatoria realizado pola Xunta para este programa, este ano, de máis dun 15%, destinando en total case 12 millóns para toda Galicia o que posibilitou a concesión de dous novos Programas Integrados de Emprego en concellos da nosa provincia. A previsión é beneficiar a uns 5.800 desempregados durante un período de 12 meses na nosa comunidade.
Nesta convocatoria o Goberno galego primou, entre outros, os proxectos innovadores en relación co perfil dos colectivos aos que se dirixan e os que se caractericen pola utilización de novas tecnoloxías ou pola existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Tamén se valorou a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio onde se levará a cabo o programa co fin de mellorar a ocupación da cidadanía galega.
As persoas beneficiarias recibirán formación para o emprego e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas (teñen que realizar estas prácticas un mínimo de 15 persoas) en consonancia co contido teórico-práctico das accións formativas e co fin de incrementar a súa inserción laboral.
Durante todo o proceso formativo, o alumnado recibe orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que as entidades promotoras dos proxectos contarán co persoal para o efecto. Tamén se lles proporcionan técnicas de motivación para o emprego e intelixencia emocional, habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial, práctica laboral e mobilidade xeográfica.
Ademais, o Goberno galego asume os custos salariais e de Seguridad Social do persoal necesario para levar a cabo as accións do programa -tanto persoal da entidade como o que contrate especificamente para a execución do programa- así como as axudas de custo e desprazamento dese persoal, e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros. O programa inclúe unha bolsa de 10 euros por día e demandante pola asistencia á formación, que subvenciona a Xunta.
Colectivos prioritarios
A Xunta trata como colectivos prioritarios a atender por medio dos programas integrados de emprego as persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por motivo de arraigamento para a formación, persoas menores de 30 anos cualificadas, persoas maiores de 45 anos, persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores, persoas desempregadas de longa duración, persoas inmigrantes e mulleres.
Ademais, como en anos anteriores, resérvanse 2 millóns de euros do global do presuposto para o financiamento de programas dirixidos exclusivamente a mulleres desempregadas, co obxecto de que reciban atención específica para a súa inserción laboral.