Preto de 60 rapaces participan na Malata nunha xornada de actividades promovida polo Club Ferrol Atletismo no marco do Plan Corresponsables
Ferrol, 8 de novembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta tarde nas pistas de atletismo da Malata, aos preto de 60 rapaces e rapazas participantes nunha xornada de animación sociodeportiva promovida polo Club Ferrol Atletismo e a Federación de Atletismo no marco do Plan Corresponsables da Secretaría Xeral para o Deporte.
Durante a visita, na que os menores realizaron probas como o salto de lonxitude, lanzamento de balón ou carreiras de relevos, a delegada territorial puxo en valor “o compromiso da Xunta coa mellora da calidade de vida a través da práctica deportiva e con propostas de conciliación que, neste caso, tamén permiten o equilibrio entre o tempo laboral, familiar e persoal”.
O Plan Corresponsables da Xunta, que alcanza este ano a súa terceira edición, financia servizos de coidado profesional con actividades de animación sociodeportivas para nenas e nenos de ata 16 anos. A Federación Galega de Atletismo, que percibiu unha achega de 73.722 euros, é unha das beneficiarias da presente convocatoria que contou cun orzamento conxunto de 1,7 M€.