Javier Arias destaca a aposta da Ribeira Sacra pola sostibilidade nun acto en Lugo promovido pola adega ‘Casa de Outeiro’

Lugo, 11 de novembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o compromiso coa sostibilidade da viticultura da Ribeira Sacra, “tanto no aspecto medioambiental como no social e o económico”. Arias realizou estas declaracións nun acto promovido pola adega ‘Casa de Outeiro’ no Círculo das Artes de Lugo, e felicitou ao CEO da empresa, Juan Luis Vázquez, “por emprender en Quiroga un proxecto que cumpre con estas premisas”.

Entre outras iniciativas, os propietarios da adega pretenden recuperar a antiga Casa de Outeiro, hoxe en ruínas, para convertela nun complexo enoturístico; está situada nun enclave natural con vistas ao val de Quiroga e as primeiras referencias documentais da súa existencia datan do ano 1488.

O delegado lembrou que o modelo da Ribeira Sacra, baseado en pequenas explotacións e producións de gran calidade, “permite o desenvolvemento dun sector vitivinícola punteiro, que impulsa o turismo e fixa poboación, ao tempo que mantén o equilibrio coa paisaxe, a ordenación do territorio e o patrimonio”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2024