Ana Ortiz destaca o Camiño da Costa, os cruceiros e ás visitas ás Illas Cíes como polos de atracción para a afluencia de visitantes a Vigo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo salienta as cifras “récord” de peregrinos e pasaxeiros na cidade durante 2026

Vigo, 11 de agosto de 2026

A delegada territorial, Ana Ortiz, fixo este martes balance da afluencia de visitantes a Vigo, impulsada polos bos datos que rexistran o Camiño Portugués da Costa, o turismo de cruceiros e as visitas ás Illas Cíes, durante unha comparecencia pública na Oficina de Turismo da Xunta de Galicia na rúa Cánovas del Castillo, principal punto de información da cidade.

 A representante autonómica destacou que o Camiño da Costa “está de novo en cifras récord” nos primeiros sete meses do ano, con 64.700 peregrinos que recolleron a Compostela en Santiago tras pasar por Vigo, o que significa un 25% máis que en 2025. Así, a delegada territorial lamentou que aínda estea sen sinalizar o percorrido por Vigo e reclamou de novo ao alcalde que permita marcar a ruta xacobea.

Respecto das visitas a través do Porto de Vigo, Ana Ortiz destacou o reclamo que supón as Illas Cíes e o Parque Nacional Illas Atlánticas, ademais dos cruceristas que chegan a través do peirao de Transatlánticos. Abundou igualmente na nova infraestrutura de Peiraos de Solpor, en Bouzas, que xa recibiu máis de 7.000 visitas e  estase a converter nun gran reclamo turístico. Tamén o visor submarino Nautilus, con más de 115.000 visitas desde a súa inauguración.

Sobre os datos da Oficina de Turismo da Xunta de Galicia en Vigo, indicou que recibiu no que vai de ano a 19.660 usuarios de 70 países. Destacan por esta orde os turistas estranxeiros chegados desde Reino Unido (3.352), Alemaña (756), Francia (687) e Portugal (595). No caso de España (10.881), lidera o ranking a comunidade autónoma de Madrid (3.258), seguida de Cataluña (1.193), Castela e León (1.081), Galicia (998) e Andalucía (980).

Ademais, apuntou que os principais motivos das consultas dos turistas na Oficina son na busca de información sobre cultura e patrimonio (3.332), espazos naturais (3.112), gastronomía (2.311), rutas e sendeirismo (1.464), praias (1.216) e Camiño de Santiago (896).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026