A Xunta investirá case 4 M€ en 2025 nunha nova convocatoria do programa Xogade

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu está mañá ao cros de Noia no que participaron case 1.500 nenos e nenas dunha vintena de centros escolares do concello noiés, Porto do Son, Muros, Noia, Outes, Brión e Lousame

A actual convocatoria que comezou en setembro conta coa participación de 39 federacións deportivas, unha trintena de agrupacións escolares deportivas e 16 modalidades

A última tempada rematou coa participación de case 148.000 rapaces e rapazas entre 6 e 16 anos, o 60 % do total de escolares en Galicia nesta franxa de idade

Mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para estas actividades, unha medida da que Galicia foi pioneira e supón unha prima anual de máis de 3,1 M€

Noia (A Coruña), 13 de novembro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañou esta mañá aos case 1.500 participantes no cros local de Noia procedentes de case unha vintena de centros escolares do concello noiés, Porto do Son, Muros, Outes, Brión e Lousame, que se levou a cabo na contorna do estadio de San Lázaro.

A iniciativa forma parte da decimo sexta edición do programa Xogade que comezou a súa andaina o pasado setembro con 39 federacións deportivas e 16 modalidades, así como a participación dunha trintena de agrupacións deportivas escolares, como é o caso da  agrupación deportiva escolar As Rías e a asociación de atletismo e deportes do Barbanza, que colaboraron na organización desta actividade.

Diego Calvo destacou a importancia de apostar polo deporte base para inculcar desde idades temperás a necesidade de levar unha vida activa e saudable e practicar deporte a través precisamente de iniciativas como o programa Xogade. Por iso, os orzamentos da Xunta para 2025 recollen unha partida de case catro millóns de euros.

Nesta contía inclúense os máis de 3,12 millóns de euros da prima anual da póliza do seguro de accidentes deportivos gratuíto para os menores de entre 6 a 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira. En total, a póliza ten un valor de 6,24 millóns de euros ata 2026, isto é, as tempadas 2024-2025 e 2025-2026, cunha prima anual media de 3,12 millóns. Do financiamento do programa Xogade tamén forman parte os gastos do transporte e a participación nas actividades.

O programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) agrupa toda a oferta deportiva e lúdica, tanto escolar como federada, promovida pola Xunta co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos e brindarlles á rapazada a posibilidade de practicar e competir cos clubs e centros educativos de toda a comunidade.

O conselleiro de Deportes augurou que a actual tempada 2024-2025 manteña e mesmo supere as cifras da última convocatoria. Así, segundo os datos correspondentes á tempada 2023-2024, contabilizáronse case 148.000 escolares de 6 a 16 anos que supoñen o 60 % dos máis de 249.300 que hai en Galicia. En total, estes 148.000 escolares sumaron 184.500 participacións, das que máis de 110.219 participacións -case o 60 %- representan a actividade deportiva federada e as 74.290 restantes en actividade deportiva escolar.

Cros Noia

As probas de cros de hoxe en Noia son unhas das 18 competicións clasificatorias previstas na provincia coruñesa previas ás dúas provinciais.

Na xornada de hoxe competiron máis de medio milleiro de escolares nas categorías masculina e feminina de alevín, máis de 400 na de infantil, máis de 300 na de benxamín e  case 250 na de cadete.

Por centros escolares, dos case 1.500 participantes, máis de medio milleiro pertencen a cinco centros educativos de Noia -CEIP Felipe de Castro, CEIP Plurilingüe Rodríguez Cadarso, Colexio Jaime Balmes, Colexio María Assumpta e IES Campo de San Alberto-; case 350 doutros cinco de Muros -CEIP Plurilingüe de Louro, CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío, CEIP Ramón de Artaza, IES As Insúas e IES Fontexería- , case 300 doutros cinco de Porto do Son -CEIP Campanario, CEIP Portosín, CEIP Plurilingüe Sobrado Nebra, CEIP Santa Irene e IES Porto do Son-; case 170 do CEIP Plurilingüe e do IES Poeta Añón de Outes; máis de 140 do CEIP Plurilingüe de Pedrouzos de Brión e case medio cento do CPI Cernadas de Castro de Lousame.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2024