O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes comprobou os avances das obras enmarcadas no proxecto ‘Ferrol. Cidade do Deporte’
A mellora do campo de fútbol ferrolán de Caranza impulsada pola Xunta está xa ao 80% de execución
As obras, presupostadas en máis de 800.000 euros, permitiron a creación dun campo de fútbol 11 homologado para competicións oficiais
O convenio asinado en 2024 co Concello prevé actuacións en infraestruturas deportivas ferrolás por valor de 18M€, dos que o Goberno galego achega 9M€ entre este ano e 2029
Ferrol, 23 de xullo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe o campo de fútbol de Caranza para comprobar os avances nas melloras que se están a realizar no marco da colaboración entre a Xunta e o Concello de Ferrol a través do proxecto Ferrol. Cidade do Deporte. Segundo informou, as obras, presupostadas en máis de 800.000 euros e cofinanciadas ao 50% entre ambas as administracións, avanzan a bo ritmo e están xa ao 80% de execución, coa previsión de que rematen a finais deste mes ou comezos de agosto.
Así, nesta semana instálanse os proxectores e só quedaría rematar as redes perimetrais e colocar as porterías definitivas. Os traballos desenvolvidos desde marzo permitiron fusionar nun único campo de fútbol 11 as dúas vellas pistas de fútbol 8, moi deterioradas, e dotalo de céspede artificial homologado. Ademais, está deseñado para poder subdividirse de novo en dúas pistas de fútbol 8 cando así o esixa a loxística competitiva. Conta tamén cunha nova grada descuberta de 45 metros de longo e tres alturas, así como con equipamentos renovados, como porterías, bancadas cubertas, redes perimetrais de protección e un novo sistema de rego centralizado.
Segundo sinalou o conselleiro, deste xeito devólvenselle a Caranza unhas instalacións homologadas e seguras para disputar competicións oficiais, e que poderán ser utilizados tanto polo fútbol base como federado.
Diego Calvo destacou os avances nas actuacións previstas no proxecto Ferrol. Cidade do Deporte, con varias obras xa en execución e outras xa licitadas ou adxudicadas. Así, están xa en marcha as obras no recinto feiral FIMO, as da primeira fase do estadio da Malata, para a renovación da cuberta, da cidade náutica da Cabana e do complexo deportivo da Gándara.
A maiores, están licitados ou adxudicados os traballos nos pavillóns do Ensanche, Casa do Deporte de Caranza, Santa Mariña e Javier Gómez Noya-Piscina de Caranza, así como a segunda fase do estadio da Malata e a pista de skate. Completan o proxecto, pendentes de aprobación, os proxectos para melloras no pavillón da Malata, e o campo de rugby e nas pistas de atletismo e de tenis, e un novo polideportivo en Mandiá
Todas as obras previstas enmárcanse no convenio asinado en 2024 entre o Goberno galego e o Concello para esta iniciativa, presupostada en 18 millóns de euros e confinanciada por ambas as administracións a partes iguais. Así, por parte da Xunta, destinaranse 9 millóns de euros entre 2026 e 2029.
Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo é mellorar e poñer en valor as infraestruturas deportivas ferrolás, así como fomentar o deporte entre a poboación do concello e da súa contorna no marco do compromiso da Xunta co apoio ás entidades locais para impulsar as instalacións deportivas municipais.