Lara Meneses destaca o impulso á inserción laboral da mocidade do ‘Xuventude Mentoring na Empresa’
A directora xeral de Xuventude visita a Asociación de Empresarios de Redondela beneficiaria do programa, e recibe aos mozos que comezan a estadía en Peter Taboada
Esta iniciativa busca mellorar a capacidade profesional e as oportunidades de traballo das persoas de entre 18 e 30 anos
Redondela (Pontevedra), 15 de novembro de 2024
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, mantivo hoxe unha reunión coa Asociación de Empresarios de Redondela, entidade beneficiaria do Xuventude Mentoring na Empresa, para dar a benvida aos mozos e mozas que comezan a súa estadía na empresa Peter Taboada, onde resaltou o apoio do Goberno galego á inserción laboral da mocidade a través deste programa.
No marco desta visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que o obxectivo desta iniciativa, que xa vai pola súa segunda edición, é ofrecer aos mozos galegos períodos de formación de ata catro meses en empresas ou entidades vinculados a sectores económicos estratéxicos de Galicia. No caso da Asociación de Empresarios de Redondela, que conta con 16 empresas adscritas, Lara Meneses agradeceulles a súa participación, xa que “a través desta proposta, unha vintena de mozos poderán vivir a súa primeira experiencia no mundo laboral”.
Para o Xuventude Mentoring na Empresa o Goberno galego destina 1,5 millóns de euros, financiada nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. As asociacións e concellos que reciben estas axudas contan cun mínimo de 10 e un máximo de 25 persoas durante catro meses, cunha duración de 100 horas ao mes e de catro días a semana. O importe máximo concedido a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto é de 140.000€ e as persoas participantes recibirán unha bolsa dun mínimo de 661,5€ ao mes e contarán cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego impartido pola entidade beneficiaria.
As empresas ou organizacións públicas ou privadas que acollerán ás persoas en prácticas atópanse vencelladas a sectores estratéxicos na Comunidade como son a aeronáutica, a agroalimentación, a biotecnoloxía, a automoción, as enerxías renovables, o naval, o téxtil, as tecnoloxías da información e da comunicación ou o que ten que ver coa calidade de vida e benestar.