A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou hoxe no encontro da rede de CIMS de Galicia

A Xunta conmemorará o 25N con 300 actividades centradas na sensibilización da mocidade en torno á violencia de xénero e o bo trato nas relacións

Fabiola García enxalza o traballo diario que realizan os CIMS, unha entrega que “é de xustiza blindar e poñer en valor” e que conforma unha rede “vital e única” na promoción da igualdade e na atención á violencia de xénero

A conselleira presentou o plan integral para a renovación e impulso dos CIM de Galicia e avanzou que en 2025 o investimento nestes centros superará os 6,5 M€

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presidiu esta mañá o encontro da rede de Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia organizado pola Xunta. Un evento que contou coa asistencia de máis dun cento de profesionais que traballan nestes centros e de responsables dos servizos sociais municipais.

Na súa intervención, Fabiola García enxalzou o traballo diario que realizan os CIMS, unha entrega que “é de xustiza blindar e poñer en valor” e que permite conformar unha rede integrada por 84 centros e que dá servizo a case 200 concellos. A conselleira definiu a esta rede, que atende a unha media anual de 16.700 mulleres, con especial atención ás vítimas de violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade, como “un recurso vital e único” na promoción da igualdade e na atención á violencia que sofren as mulleres.

A conselleira estivo acompañada da directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e do director de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba. Tamén participaron no acto a directora do CIM de Coirós, Raquel Montero, e a coordinadora dos centros Quérote+, Isabel Presas.

Programación especial

Fabiola García detallou a programación especial deseñada polo Goberno galego con motivo do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. En total, esta programación estará composta por 300 actividades que se irán sucedendo ata o mes decembro e que a Xunta impulsa, e nas que colabora con centros educativos, Anpas, entidades de iniciativa social e cos propios CIMS. As actividades xirarán en torno á sensibilización da mocidade en torno á violencia de xénero e o bo trato nas relacións.

Esta programación vertébrase en cinco bloques temáticos, cada un deles con propostas concretas: mocidade e infancia; ámbito empresarial; sector especializado en violencia de xénero; medios de comunicación e medios dixitais; e sensibilización e prevención a pé de rúa. Entre as actividades que se desenvolverán, destacan as de información en materia de violencia de xénero nas principais cidades galegas; a presentación dunha curtametraxe e dunha unidade didáctica para alumnado de Infantil e Primaria; as campañas de sensibilización en medios de comunicación e redes sociais, ou unha xornada sobre a violencia de xénero na contorna dixital.

Apoio aos profesionais

Un dos sectores nos que fai incidencia a programación é o dos profesionais especializados na atención ás vítimas. E, neste campo, un dos recursos máis importantes cos que conta Galicia é a rede de CIMS. Por iso, a conselleira aproveitou para detallar as principais claves do plan integral de actuación nestes centros que foi aprobado esta mesma semana polo Consello da Xunta.

O deseño e desenvolvemento deste plan irá acompañado por medidas que se irán implantando ao longo de 2025. Entre elas, o incremento do apoio económico anual da Xunta para estes centros nun 30,6%,  ata superar os 6,5 M€, e o aumento nun 13,6% da axuda para o pago do persoal. A todo isto súmase a suba, tamén nun 30%, dos fondos do programa destinado a concellos para a promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero a través dos CIMS.

Ademais, a conselleira avanzou que o Goberno galego lanzará o vindeiro ano unha liña de axudas para a mellora dos equipamentos dos centros e continuará co plan de formación para todo o persoal dos CIM de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/11/2024