A conselleira de Política Social e Igualdade participou na primeira conferencia do ciclo Inspirando Presentes
Fabiola García sitúa a Adriana Domínguez como unha das referentes do liderado feminino
A Presidenta Executiva de Adolfo Domínguez é a convidada nesta ocasión desta iniciativa que dá voz ao talento das mulleres galegas e busca visibilizar o seu labor
San Cibrao das Viñas (Ourense), 14 de outubro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou este mediodía na primeira conferencia do ciclo Inspirando Presentes da Xunta de Galicia. A convidade foi a Presidenta Executiva da firma Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez, á que definiu como unha das referentes do liderado feminino no sector téxtil.
Fabiola García agradeceu a Adriana Domínguez por sumarse a esta iniciativa que busca dar voz ao talento das mulleres galegas, visibilizar o seu legado e dalas a coñecer como referentes ás novas xeracións. Neste sentido, destacou que a Presidenta Executiva desta firma de moda galega é un exemplo do que é “estar onde se toman as decisións, coa responsabilidade de abrir camiños”. Un labor ao que se suma, destacou, “a tarefa de dar continuidade a un legado, asumindo novos retos e novas etapas”.
Por iso, fixo fincapé na importancia de escoitar as historias de mulleres como Adriana Domínguez, porque “non hai un xeito único de liderar” e cada unha delas “ten o seu propio camiño, cos seus desafíos”. Deste xeito, explicou que o que se pretende con este ciclo é achegar historias de inspiración reais, sobre todo ás novas xeracións, pero facelo “sen idealización, coñecendo as dificultades, os cambios e todo o que supón estar á fronte de grandes proxectos”.
O ciclo Inspirando Presentes presentouse en Lugo coa empresaria e presidenta da Asociación de Empresas Familiares de Galicia, Tona Martínez, e hoxe contou en San Cibrao das Viñas coa súa primeira convidada, a Presidenta Executiva de Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez. Unha cita á que tamén acudiron a alcaldesa da localidade, Marta Nóvoa, e outras rexedoras da provincia. A conselleira avanzou que a iniciativa continúa e entre as seguintes convidades destacan a fiscal delegada de violencia de xénero en Galicia, Elena Steinger, ou a artesá contemporánea Idoia Cuesta.