A Xunta remata en Valga as obras para reducir o risco de inundación entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril cun investimento de máis de 380.000 euros
As actuacións, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, buscan incrementar a capacidade hidráulica da canle fluvial do río Louro e minimizar a posibilidade de que se produzan asolagamentos
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2024
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, concluíu recentemente as obras para reducir o risco de inundacións entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, no concello pontevedrés de Valga, cun investimento de máis de 380.000 euros.
As actuacións -cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020- tiveron como finalidade tratar de minimizar o risco de que se produzan asolagamentos na zona, que está identificada como área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) dos ríos Ulla e Sar.
Os traballos afectaron ao río Louro no tramo comprendido entre a estrutura baixo a estrada PO-548 e a obra de fábrica baixo a liña de ferrocarril Vilagarcía de Arousa-Bifurcación Angueira, que presenta problemas de inundacións xeradas fundamentalmente pola insuficiente capacidade de drenaxe baixo a liña de ferrocarril.
As inundacións afectaban a varios inmobles da zona, así como a parte do polígono industrial de Valga. De feito, a proximidade de edificacións e áreas de cultivo reducía a capacidade de expansión do río e deixáballe pouco espazo para desenvolverse.
As obras permitiron incrementar a capacidade hidráulica da canle fluvial do río Louro mediante unha canalización aberta de aproximadamente 800 metros que permitiu mellorar as condicións de protección fronte a posibles inundacións.