A conselleira de Política Social e Igualdade participou no acto organizado hoxe pola Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia

Fabiola García destaca no Día Mundial da Infancia a importancia de ter en conta a voz das nenas e nenos

A conselleira lembrou que a Xunta puxo en marcha en 2023 o primeiro Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), integrado por rapaces de toda Galicia que recollen as demandas dos nenos e adolescentes

A Coruña, 19 de novembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá a importancia de ter en conta a voz das nenas e nenos e que se garanta a súa participación en todos os asuntos que lles afectan. Díxoo no acto conmemorativo do Día Universal dos Dereitos da Infancia, que a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) celebrou en Palexco.

Na súa intervención, Fabiola García apostou por impulsar “unha sociedade máis xusta, máis inclusiva e na que se garanta que os nenos sexan escoitados”. Nesta liña, destacou o papel que desenvolve a POIG que, dixo, “traballa día a día para que se cumpran un por un os dereitos das nenas e nenos galegos”.

A conselleira, que estivo acompañada polo director xeral de Familia, Infancia y Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, tamén subliñou os avances acadados en Galicia no eido da participación infantil e da adolescencia. Deste xeito, lembrou que en 2023 púxose en marcha o primeiro Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), integrado por rapaces de toda Galicia que dan voz ás demandas dos nenos e adolescentes da comunidade autónoma.

Cómpre lembrar que cada 20 de novembro conmemórase o Día Universal dos Dereitos da Infancia, xa que foi neste día, no ano 1989, cando se firmou a Convención sobre os dereitos dos nenos e nenas, un tratado internacional das Nacións Unidas que recoñece os dereitos fundamentais das persoas menores de 18 anos

Máis de 400 participantes

Baixo o lema ‘Vai de dereitos’, arredor de 400 nenos entre os 8 e os 12 anos pertencentes a nove centros educativos galegos e de Amicos participaron neste encontro, no que expuxeron  as súas propostas. Ademais, o evento contou coa actuación do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2024