A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da Federación Galega de Porcino e da Asociación Galega de Avicultura de Posta
A Xunta reducirá a complexidade dos trámites das instalacións gandeiras a través da futura Lei de administración ambiental simplificada
Ángeles Vázquez salienta a importancia da rolda de contactos iniciada o mes pasado cos principais sectores, organizacións profesionais e entidades afectadas pola futura norma, unha vez finalizada a consulta pública previa e iniciada a redacción do primeiro borrador
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2024
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta reducirá a complexidade dos trámites das instalacións gandeiras a través da futura Lei de administración ambiental simplificada.
Durante unha reunión que mantivo con representantes da Federación Galega de Porcino e da Asociación Galega de Avicultura de Posta para abordar o contido e principais obxectivos da norma, a conselleira subliñou a importancia que terá para o sector gandeiro á hora de impulsar e desenvolver novas iniciativas e proxectos na comunidade.
Esta xuntanza, precisamente, enmárcase na rolda de contactos iniciada a finais do pasado mes de outubro co fin de consensuar o documento inicial cos principais sectores, colectivos profesionais e entidades que, pola súa actividade ou finalidade principal, se poidan ver afectados directa ou indirectamente pola futura lei.
Unha vez superada a fase de consulta pública previa, que finalizou o pasado 1 de setembro, a conselleira explicou que o próximo paso será abordar a redacción do borrador normativo, para o cal seguirá citando a outras entidades para coñecer a súa opinión de cara a recompilar ideas e buscar unha postura de consenso.
Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou a importancia de que as entidades teñan ocasión de expoñer os problemas que cren que a norma pode resolver para garantir que responda ás demandas e necesidades dos principais implicados.
Os encontros prolongaranse ao longo de novembro e decembro co obxectivo de poder contar cun primeiro borrador da norma este mesmo ano e remitir o proxecto ao Parlamento para a súa aprobación en 2025.
Cómpre lembrar que coa Lei de administración ambiental simplificada a Xunta aspira a situar Galicia nunha posición de vangarda a través da aprobación dun dos ordenamentos ambientais máis modernos e innovadores de todo o país, que garanta e ofreza á vez a seguridade xurídica que demandan neste eido tanto promotores como administracións.