A Xunta adxudica por 140.000 euros as obras de urbanización da rúa na Vila e a praza de San Antonio en Puxedo, no concello de Lobios

O obxectivo é humanizar a rúa e a praza deste núcleo ourensán mediante a mellora da pavimentación existente

A Xunta achega o 70% do orzamento destas obras, asumindo o Concello o 30% restante

Os traballos executaranse ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, que contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 139.998 euros a execución das obras de urbanización de rúa na Vila e praza de San Antonio en Puxedo, no concello de Lobios.

Este contrato, adxudicado á empresa Construcciones y Almacenes M. Viso e Hijos, S.L, formalizarase nas vindeiras semanas.

A través da intervención mellorarase un camiño que entronca cunha estrada provincial na zona de Puxedo. O obxectivo é humanizar a rúa e a praza mediante a mellora da pavimentación existente. Deste xeito, a través da actuación, a contorna de protección manterá os seus valores ambientais, de modo que as actuacións que se levarán a cabo serán harmoniosas, integrándose os materiais, os sistemas construtivos e cromatismo.

Estas actuacións executaranse ao abeiro do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas. Segundo o acordo de colaboración da Xunta e Concello de Lobios, a Administración autonómica asumirá o 70% do orzamento e a entidade local achegará o 30% restante.

O Plan Hurbe que desenvolve o Goberno galego contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.

Data de actualización: 22/11/2024