A Xunta adxudica o novo Observatorio de Sostibilidade Turística que permitirá monitorizar a evolución do destino
A empresa Hidria-Ciencia, Ambiente y Desarrollo foi a empresa que resultou adxudicataria do servizo
A ferramenta permitirá a implantación dun sistema de observación e análise integral da sostibilidade turística de Galicia
Analizaranse novos destinos onde implantar sistemas piloto de regulación de fluxos
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024
Turismo de Galicia vén de adxudicar o Observatorio de Sostibilidade Turística de Galicia á empresa Hidria - Ciencia Ambiente y Desarrollo que terá un prazo de 24 meses para deseñar, desenvolver, implantar, manter e transferir un sistema de observación e análise integral da sostibilidade turística de Galicia.
O Observatorio de Sostibilidade Turística permitirá actualizar as metodoloxías estatísticas e monitorizar a evolución dos destinos galegos a través dun sistema estatístico de observación integral.
Tamén se analizarán novos destinos onde implantar sistemas piloto de regulación de fluxos, instalaranse novos sensores nas rutas xacobeas para monitorizar a chegada de peregrinos e porase a disposición un cadro de mando estatístico coas principais operacións de datos actualizadas, entre outras ferramentas.
A Xunta de Galicia da continuidade así a todo un traballo de planificación desenvolto ata o momento e que permitiu dar resposta á evolución mundial da actividade turística, anticipar tendencias e mellorar a toma de decisións estratéxicas ao tempo que se avanzou en sostibilidade en todas as súas vertentes, desde a ambiental ata a económica, ambiental e social.
Análise de sistemas de monitorización
O novo observatorio permitirá a análise comparativa de sistemas de monitorización de sostibilidade, definindo metodoloxías, ámbitos de actuación e selección de indicadores e tendo en conta os distintos estándares con especial atención á rede de observatorios INSTO e o Marco Estatístico para a Medición da Sostibilidade do Turismo (SF-MST) da Organización Mundial do Turismo (OMT).
Ademais, o sistema de observación nutrirase da colaboración coa asociación europea de rexións NECSTouR e con outros axentes que están desenvolvendo metodoloxías para Turismo de Galicia, en particular a de impacto socioeconómico do Camiño de Santiago.
Esta ferramenta tamén terá un deseño e arquitectura específico que inclúe a definición dunha metodoloxía de análise do destino Galicia con diferentes perspectivas ou dimensións: económica, social, ambiental e territorial. Tamén analizará a pegada ecolóxica do turismo e elaborará un informe de sostibilidade para Galicia, facendo referencia específica aos seus xeodestinos e cidades.