Medio Rural organiza unha acción formativa na devesa salmantina para que gandeiros galegos coñezan prácticas innovadoras aplicadas ao porco ibérico
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta, foi a encargada de xestionar esta visita
Os 36 asistentes coñeceron en primeira persoa os sistemas de manexo reprodutivo dunha piara e afondaron na dinámica de montanera, a última fase de cebado destes animais
Actividades coma estas reforzan o compromiso da Consellería co desenvolvemento e capacitación dos profesionais do sector, contribuíndo a un futuro máis prometedor para a produción porcina en Galicia
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2024
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural, vén de organizar unha xornada práctica en colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel). A acción formativa tivo lugar na devesa salmantina e centrouse nas prácticas innovadoras no eido do manexo e alimentación empregadas en granxas de porco ibérico de Castraz e Fuentes de Oñoro.
Na primeira parte da xornada os 36 asistentes -entre os que se inclúen 30 gandeiros de Asoporcel- puideron coñecer o sistema de manexo reprodutivo da piara, mentres que na segunda puideron afondar na dinámica da montanera, a última fase de cebado destes animais. Nestas accións púxose tamén o foco no manexo en silvopastoreo, na inclusión de forraxes na dieta e na alimentación individualizada de nais reprodutoras e animais en fase de cebo.
A Consellería do Medio Rural está comprometida con este tipo de actividades, xa que fomentan a aprendizaxe de técnicos e gandeiros galegos sobre os sistemas de produción en rexións cun ecosistema substancialmente diferenciado do galego. Ademais, favorecen o coñecemento en eidos como a alimentación sostible e a integración de prácticas que melloren a eficiencia produtiva das gandarías galegas.
Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Transferencia Tecnolóxica 2024 e foi cofinanciada polo Feader, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Comunidade Autónoma de Galicia. Actividades coma estas reforzan o compromiso da Axencia Galega da Calidade Alimentaria co desenvolvemento e capacitación dos profesionais do sector, contribuíndo a un futuro máis prometedor para a produción porcina en Galicia. A participación activa dos gandeiros e o seu interese por mellorar as súas prácticas evidencia o valor de continuar con este tipo de propostas de transferencia de tecnoloxía e boas prácticas.