María José Gómez pon en valor o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural como un recoñecemento de referencia dentro do sector agrogandeiro galego

A conselleira do Medio Rural participou no acto de entrega deste galardón á empresa Bico de Xeado, da cal destacou a súa aposta pola innovación e pola transformación do leite desde Galicia nun produto de alto valor

Lembrou que a nosa comunidade conta con 36 selos de calidade diferenciada aos que se suman Agricultura Ecolóxica e Artesanía Alimentaria, o que dá conta dos excelentes produtos agroalimentarios que se obteñen na nosa comunidade

Lugo, 27 de febreiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega do XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un recoñecemento que cualificou de referencia dentro do sector agrogandeiro galego ao galardoar proxectos que creen no rural, innovan e apostan pola calidade.

A empresa Bico de Xeado foi a premiada nesta edición e a conselleira resaltou a súa decisión de innovar e transformar desde Galicia o seu leite nun produto de alto valor, chegando a construír unha marca recoñecida, xeradora de emprego e ligada ao territorio, cuestións que exemplifica o Premio Aresa.

Gómez resaltou tamén o papel de Galicia como produtora de leite e lembrou que un dos obxectivos do Goberno autonómico é incrementar a transformación deste produto na nosa comunidade. Neste sentido, actualmente xa se transforma o 75 % do leite que aquí se obtén e seguirase traballando para incrementar esa cifra.

A maiores, destacou a excelencia das producións agroalimentarias galegas que se ven representadas por 36 selos de calidade, entre denominacións de orixe protexidas e indicacións xeográficas protexidas, aos que se lle suman Agricultura Ecolóxica e Artesanía Alimentaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/02/2026