A Xunta destaca as Olimpíadas Rurais de Friol como un exemplo de dinamización social, cultural e económica
Friol (Lugo), 23 de novembro de 2024
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, asistiu esta tarde á proxección de 1as Olimpíadas Rurais de Galicia, un documental que narra a historia desta proba deportiva pioneira, celebrada no concello lucense de Friol o pasado mes de xuño. A directora xeral, que estivo acompañada polo alcalde da localidade, José Ángel Santos, puxo de relevo esta iniciativa e destacouna como un “bo exemplo” de dinamización social, económica e cultural nas contornas rurais da nosa comunidade.
De seguido, Rodríguez salientou que se trata dunha idea importante para “preservar as tradicións galegas e xerar actividades atractivas no rural”. Ademais, agradeceu a implicación do Concello á hora de promover esta celebración; así como a do propio promotor do evento, o Colectivo Hércules, unha asociación sen ánimo de lucro que fomenta e organiza actividades relacionadas coa práctica deportiva.