A Xunta financia con 3,6 M€ un total de 73 accións formativas para persoas desempregadas en 14 entidades de Ferrol, Eume e Ortegal

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá aos alumnos do de dous destes cursos que se están a impartir no Centro Gallego de Estudios Infórmate, con sede na cidade

Entre as novidades desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, recóllese que o alumnado sen a titulación necesaria para acceder a un curso poderá formarse dunha maneira simultánea e a posibilidade de estudar un curso completo ou módulos específicos

Ferrol, 25 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia concede este curso preto de 3,6 M€ para realizar un total de 73 accións formativas para desempregados (AFD) a 14 entidades no ámbito das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o informou esta mañá a delegada territorial, Martina Aneiros, durante unha visita ao Centro Gallego de Estudios Infórmate, beneficiario desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

En concreto, Aneiros supervisou o inicio dos cursos de organización e xestión de almacéns e de xestión ambiental, dúas das dez iniciativas que impartirá a entidade que recibiu máis de 575.000 euros para financiar esta formación.

Durante a visita, na que estivo acompañada do director territorial da consellería, Juan José Couce, a delegada territorial lembrou que estas accións formativas están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas, ás necesidades de adaptación aos cambios operados nos sectores produtivos e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento das persoas traballadoras.

Incidiu en que o Goberno galego continúa así reforzando a formación para o emprego co reto de axustar estes cursos aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta así ás vacantes que existen no mercado laboral.

Prioridades

Na convocatoria deuse prioridade as especialidades máis demandadas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego. Entre os perfís que están sendo máis requiridos destacan os vinculados coa atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, auxiliares de servizos administrativos e xerais, transporte sanitario, actividades auxiliares de almacén ou operacións básicas de cociña, entre outros.

Aínda que estes apoios van dirixidos de maneira prioritaria ás persoas desempregadas, tamén poden participar neles persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego.

Ademais nunha aposta pola flexibilización, a convocatoria deste ano presentou novidades con respecto ao acceso do alumnado ás diferentes accións formativas. Por primeira vez non se esixirá ter a titulación precisa para un curso de forma previa, permitindo formarse en paralelo e se habilita a posibilidade de estudar un curso completo ou módulos específicos incluídos nun certificado profesional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2024