A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou no polígono de Areas (Tui) a empresa Valver
Lorenzana anuncia que a partir do 29 de xullo xa se poderán solicitar as axudas por valor de 45 M€ para empresas do sector da automoción
O programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha
As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co clúster, poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas
Lorenzana asegura que a industria galega está nun momento moi bo, pero “precisa do acompañamento e da colaboración da Administración”
Tui (Pontevedra), 21 de xullo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou esta mañá que a partir do vindeiro 29 de xullo abre o prazo para solicitar o terceiro paquete de axudas extraordinarias aprobado pola Xunta para o sector da automoción cun orzamento de 45 millóns de euros, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.
Así o anunciou nunha visita ás instalacións de Valver -no polígono industrial de Areas, en Tui- que considerou unha empresa “punteira” que forma parte da “extraordinaria cadea de valor” do sector da automoción en Galicia, dixo, con máis de 40 anos de antigüidade e que destaca polo seu grado de innovación e internacionalización.
“Continuamos nesa aposta por un sector clave dentro da industria galega, e con esa estratexia de industrialización coa que pretendemos ir aumentando, pouco a pouco, a achega que fai a industria á economía galega, que está nun momento moi bo, pero que precisa de acompañamento e da colaboración da Administración coas empresas”, indicou Lorenzana.
O programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha. A primeira, para proxectos de desenvolvemento experimental e de innovación en organización e procesos; a segunda, para actuacións en materia de protección do ambiente e descarbonización; e, a terceira, dirixida ás pemes para facilitar a súa adaptación á mobilidade verde, descarbonizada e conectada.
As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas. Todos os proxectos deberán contar cun investimento subvencionable mínimo de 100.000 euros. Ademais, para facilitar a execución das actuacións, prevese un pagamento anticipado do 80 por cento da subvención, que se tramitará de oficio e sen necesidade de constituír garantías.
Poderán alcanzar o 50 por cento nos proxectos de desenvolvemento e innovación e o 32,5 por cento nos investimentos de protección ambiental e descarbonización, en función do tamaño da empresa. No caso das pemes, subvencionarase ata o 50 por cento dos gastos de consultaría asociados aos proxectos de transformación e modernización produtiva.
Esta nova convocatoria enmárcase na estratexia que a Xunta vén desenvolvendo para consolidar Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa e acompañar este sector industrial nun momento decisivo marcado pola electrificación e a descarbonización.
Neste contexto, a previsión é chegar a mobilizar máis de 230 millóns de euros a través do Plan director da automoción de Galicia 2025-2027, dotado con 134,1 millóns de euros, e do Programa extraordinario de apoio á descarbonización e á transición ao vehículo eléctrico iniciado en 2024.