Rueda destaca a excelencia de MeteoGalicia e insiste en reclamar ao Goberno central a transferencia das competencias en meteoroloxía

Asegura que isto permitiría ser “máis exactos e precisos” á hora de previr e emitir alertas na comunidade ante fenómenos meteorolóxicos adversos

Apunta que “MeteoGalicia conta con 160 estacións meteorolóxicas en todo o territorio galego”, fronte ás 52 da axencia estatal Aemet, e ten equipos que ofrecen datos sobre a situación real nas distintas zonas cada 10 minutos

A Xunta reforzará o vindeiro ano o programa para previr efectos adversos recorrendo a novas ferramentas como o uso da intelixencia artificial

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a excelencia de MeteoGalicia e reiterou a demanda ao Goberno central para que transfira á comunidade as competencias en meteoroloxía. “Estamos especialmente orgullosos dos nosos servizos meteorolóxicos, o que nos leva a reclamar a xestión das competencias para que as alertas se poidan dar desde aquí, sen desprezar en absoluto o traballo da Aemet e sempre desde a coordinación”, indicou.

Así o destacou durante unha visita ás instalacións de MeteoGalicia en Santiago, na que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e onde salientou que se trata dunha entidade científica de referencia a nivel europeo, que ofrece cada día “información precisa, rigorosa e de calidade” ao conxunto da cidadanía e que conta coas ferramentas e recursos necesarios para predicir e anticiparse a posibles efectos adversos dos distintos fenómenos meteorolóxicos.

Por iso, Rueda volveu reclamar ao Estado a transferencia das competencias relacionadas coa meteoroloxía para que sexa este organismo autonómico o que se encargue de emitir as alertas meteorolóxicas en Galicia. “A día de hoxe o nivel de calidade, precisión e infraestrutura de MeteoGalicia creo que nos fai acredores diso”, apuntou.

Neste sentido, o presidente subliñou que isto permitirá ser “máis exactos e precisos” á hora de notificar episodios adversos xa que “MeteoGalicia conta con 160 estacións meteorolóxicas en toda a comunidade” –fronte ás 52 da Axencia Estatal de Meteoroloxía– e cun conxunto de equipamentos así como un radar que ofrecen datos sobre a situación en cada zona cada dez minutos.

Ademais, a Xunta reforzará o vindeiro ano o programa de actuación ante efectos adversos co uso, entre outras ferramentas, da intelixencia artificial, ao tempo que afondará na coordinación de MeteoGalicia con outros organismos con implicacións na materia. De feito, xa colabora con Augas de Galicia a través do sistema Merlín para previr con tres días de anticipación en que zonas pode haber risco de desbordamentos de ríos como consecuencia das abundantes choivas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2024