A Xunta inviste máis de 540.000 euros para inserir laboralmente a 20 desempregados de Ponteareas
Reguera resaltou os bos datos de inserción laboral destes obradoiros
Vinte desempregados formáronse nas especialidades de Atención sociosanitaria en domicilio e institucións e Albanelaría
Ponteareas (Pontevedra), 26 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro dual de emprego do concello de Ponteareas ‘Coidar de nós IV’.
Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano e que contou cun investimento da Xunta de máis de 540.000 euros, participaron 20 persoas desempregadas. O alumnado dividiuse entre as especialidades de Atención sociosanitaria en domicilio e institucións e Albanelaría. Ambas contaron con acceso a unhas prácticas remuneradas durante toda a duración do programa.
Estas prácticas reverteron ademais a favor do propio concello, xa que se centraron na mellora e reparación de varios espazos municipais.
Neste sentido, as actividades levadas a cabo no obradoiro permitiron ao alumnado desenvolver as habilidades necesarias para inserirse no mercado laboral. Tanto é así que algúns dos participantes conseguiron atopar un traballo relacionado co seu sector antes incluso de rematar a formación.
O delegado territorial aproveitou a súa intervención para animar a todos os participantes a “seguir apostando pola formación, sen esquecer que o obxectivo destes obradoiros é a inserción laboral”.
Para rematar, Reguera lembrou os bos resultados que conseguiron a gran maioría de obradoiros que se levaron a cabo este ano e destacou “a enorme taxa de empregabilidade que se está a conseguir, tendo en conta que moitos obradoiros aínda non foron clausurados”.
Este ano tiveron lugar na provincia de Pontevedra 21 obradoiros de emprego, o que supón preto de 11,5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.