A Xunta realiza labores de conservación en varios tramos de río no concello de Redondela que suman preto de 5,5 quilómetros
As tarefas que está a realizar Augas de Galicia prolongaranse durante 11 semanas e inclúen tanto a roza puntual de arbustos como a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en varios tramos de río no concello de Redondela que suman preto de 5,5 quilómetros.
As tarefas, que se desenvolverán en distintas parroquias do concello, afectan a algo máis de medio quilómetro do río Pexegueiro, a arredor de dous do Campelo, a un quilómetro do Maceiras e outro do Fondón e a preto de 900 metros nun rego sen nome da parroquia de San Fausto de Chapela. As actuacións consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente nas canles fluviais para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso ás canles, ao tempo que se aproveitará para a retirada de especies exóticas invasoras.
Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente once semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras así como coa utilización de maquinaria de apoio como un tractor, un camión e unha carretilla de carga.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías da demarcación Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.