Medio Rural destina preto de 4 M€ a apoiar as tarefas de control do rendemento leiteiro en Galicia que desenvolven o Ligal e as africores
Os fondos da Xunta serven para seguir impulsando o funcionamento do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, o Ligal, e para financiar as africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, asociacións oficialmente recoñecidas para estes labores
A conselleira María José Gómez destacou que ambas as dúas partidas se incrementan de xeito significativo este ano, nunha porcentaxe do 44% e o 33%, respectivamente
Gómez visitou hoxe as instalacións do Ligal e salientou a súa “decisiva contribución” á consolidación de Galicia como líder nacional indiscutible e como rexión de referencia, a nivel europeo, no sector leiteiro
Este laboratorio realiza anualmente preto de dous millóns de mostras de leite, correspondentes a máis de 200.000 animais de preto de 2.300 explotacións de toda a comunidade autónoma
Abegondo (A Coruña), 27 de novembro de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor os case catro millóns de euros destinados este ano pola Xunta para o control do rendemento leiteiro. Estes fondos servirán para seguir apoiando o funcionamento do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, o Ligal, e, ademais, para financiar as africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, asociacións oficialmente recoñecidas para a realización destes labores na nosa comunidade autónoma.
Así, Gómez destacou que por un lado se incrementa nun 44% a achega da Xunta ao Ligal, ata os case 2,9 millóns de euros, para seguir financiando o “importantísimo labor” que realiza esta entidade e que, por outra banda, se destina 1 millón de euros (un 33% máis que na convocatoria anterior) ás axudas para os africores.
Datos e beneficios do control leiteiro
Cómpre sinalar, neste sentido, que dentro do control leiteiro o Ligal realiza anualmente preto de dous millóns de mostras de leite, correspondentes a máis de 200.000 animais de preto de 2.300 explotacións de toda a comunidade autónoma. Neste contexto, a titular de Medio Rural incidiu en que o control do rendemento leiteiro ten unha influencia directa na sustentabilidade do sector, xa que é clave na mellora xenética nos esquemas de selección e contribúe asemade, decisivamente, a mellorar a rendibilidade das explotacións.
Ademais, sinalou que desempeña un papel moi importante na profesionalización do sector e que favorece unha clara mellora da calidade do leite e da cabana gandeira en xeral.
Visita ao Ligal
Precisamente, a conselleira visitou esta mañá as instalacións do Ligal e salientou a súa “decisiva contribución” á consolidación de Galicia como líder nacional indiscutible e como rexión de referencia, a nivel europeo, no sector leiteiro. Así, subliñou o seu papel fundamental na avaliación e garantía da calidade do leite, un aspecto (o da calidade) no que Galicia sobresae, máis alá da súa importante capacidade produtiva, aseverou.
Nesta liña, Gómez puxo de relevo a condición do Ligal de asociación sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, na que están representadas de forma paritaria as industrias lácteas (por medio da Fenil) e os produtores, a través das organizacións profesionais agrarias e as asociacións de cooperativas. Este carácter, dixo, “posiciona este centro nun lugar preferente para cumprir co máximo rigor o seu labor” como laboratorio de análise do leite na nosa comunidade.